A Milagrosa reclama reparar una fochanca na avenida da Coruña tras máis de cinco meses sen solución

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais de A Milagrosa reclama á Concellería de Vías e Obras de Lugo que repare de inmediato unha fochanca de grandes dimensións situada na avenida da Coruña, á altura do número 255. Segundo denuncia a entidade, o desperfecto leva máis de cinco meses sen ser solucionado e empeorou co paso do tempo debido á elevada intensidade do tráfico nesta vía.
A asociación advirte de que o estado do firme está a ocasionar impactos nos amortecedores e danos nos vehículos, ademais de obrigar os condutores a realizar manobras bruscas para evitar o socavón, co conseguinte risco para a seguridade viaria. A situación afecta tanto aos residentes como ás persoas que utilizan a avenida a diario para desprazarse ao traballo ou acceder aos comercios da zona.
O colectivo expresa a súa preocupación pola falta de intervención municipal, malia os avisos realizados con anterioridade. Considera que, dada a importancia da avenida da Coruña para a mobilidade da cidade, debería terse acometido polo menos unha reparación provisional que permitise garantir unhas condicións de circulación seguras.
Por este motivo, a entidade veciñal, comercial e industrial volve esixir unha actuación urxente para reparar o firme e evitar que o deterioro continúe avanzando. A asociación sostén que a cidadanía non debería asumir nin os posibles custos derivados dos danos nos vehículos nin os riscos asociados ao mal estado da vía.
A Milagrosa reclama así unha solución para un problema que, segundo sinala, se prolonga desde hai case medio ano sen que se executase unha reparación, e insiste na necesidade de manter as rúas en condicións adecuadas para a circulación.