A mocidade de Lugo xa pode desfrutar de sesións de música na rúa, unha iniciativa da área de Xuventude

A Concellería de Xuventude de Lugo e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, propón dúas novas formacións do Programa +XTi, cun total de 30 horas cada unha, que se desenvolverán no CEI-Nodus.
A primeira acción, centrada na creatividade e o emprendemento, terá lugar os días 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de maio, en horario de venres de 16:00 a 20:00 horas e sábados de 10:00 a 13:30 horas. Os contidos inclúen creatividade e validación de ideas, modelo de negocio e finanzas básicas, marketing dixital e vendas, así como branding e marca persoal. O prazo de inscrición estará aberto ata o 6 de maio ás 19:00 horas.
A segunda acción, enfocada na comunicación e as ferramentas dixitais, desenvolverase os días 5, 6, 10, 12, 13, 25, 26 e 27 de xuño, en horario de mércores e venres de 16:00 a 20:00 horas e sábados de 10:00 a 13:30 horas. Inclúe formación en comunicación eficaz e oratoria, ferramentas de produtividade e traballo na nube, así como seguridade dixital e privacidade. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 3 de xuño ás 19:00 horas.
Ambas accións son de balde, contan con 12 prazas cada unha e requiren inscrición previa a través da web lugomasxti.org.
Por outro lado, como peche práctico do curso de DJ xa desenvolvido nas últimas semanas dentro do programa +XTi, o alumnado participará nas 'Sesións na rúa', levando a música en directo a distintos espazos públicos da cidade.
Esta proposta permite dar continuidade ao traballo realizado durante a formación, ofrecendo aos participantes a oportunidade de actuar ante o público e formar parte activa da programación cultural xuvenil.
As sesións celebraranse en horario de 17:00 a 22:00 horas o 20 de abril na Praza Agro do Rolo, o 21 de abril na Praza Horta do Seminario, o 22 de abril na Praza Augas Férreas e o 23 de abril no Paseo do Miño. Os DJs confirmados son: Angel, DDJ, Gensys, Leduc, DJ Naya, Nugon, SLP, Sune, Tweed Drop e Val-G.