A mostra sobre a casa de Rosalía de Castro chega a Lugo
A mostra “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa Rosalía”, que repasa a historia deste museo e lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas de todo o país e da emigración galega estará na praza de San Marcos ata o día 17 de marzo.
Rosalía é unha figura con multitude de aristas, da que aínda hoxe se seguen descubrindo cousas e, por suposto, aprendendo. Foi unha muller transgresora, contestataria, e que se situou sempre do lado dos oprimidos. Rosalía é parte da memoria galega, do presente e do futuro.
A MOSTRA
A mostra, que se pode visitar na Praza de San Marcos ata o vindeiro 17 de marzo, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo, e fai un percorrido pola súa historia desde a apertura ao público o 15 de xullo de 1971, no franquismo, grazas á implicación de vilas, concellos, persoas da emigración, entidades culturais ou mesmo deportivas. Centos de persoas anónimas de Galiza organizaron, a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, para conseguir o obxectivo de mercar e restaurar o inmoble. Ademais, o Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en baluarte do galeguismo con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, auténticos encontros de afirmación galeguista.
A exposición está organizada en seis capítulos diferenciados: A Casa e o tren; Rosalía na casa, que recolle os últimos anos de vida da poeta nesta vivenda; Unha Casa santuario, que analiza as iniciativas que xurdiron para mercar a casa entre 1900 e 1940; A causa da Casa, que afonda na historia da compra do inmoble no 1946 por Xosé Mosquera e Xosé Villar Granjel; O Patronato da Casa e a Casa de Galicia, que se centran nos movementos galeguistas e progresistas e nas aportacións de galegos e galegas de todo o país e da emigración para converter a última residencia de Rosalía de Castro nun símbolo da cultura propia.
ITINERANCIA
Lugo é a primeira parada na provincia da exposición, que despois viaxará a Ribadeo, Foz, Sarria, Vilalba, Chantada e Becerreá. A itinerancia da exposición forma parte da programación desenvolvida pola Deputación para reivindicar a obra de Rosalía de Castro, que inclúe representacións das obras “Libre como os paxaros” de Teatro do Atlántico e “A viaxe de Rosalía” de Larraitz Urruzola e a realización de murais homenaxe a autora en diferentes centros educativos e espazos públicos.