A Muralla celebra 25 anos como Patrimonio da Humanidade cun amplo programa cultural

Lugo prepara unha celebración histórica para conmemorar o cuarto de século da declaración da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade, aniversario que se cumprirá o 30 de novembro. O Concello deseñou unha axenda extensa, distribuída ao longo de tres semanas, que involucrará a entidades culturais, sociais e deportivas e que culminará cun gran acto institucional no auditorio Fuxán os Ventos o propio día 30, co obxectivo de que toda a cidadanía participe deste fito colectivo.
O alcalde, Miguel Fernández, destacou que o recoñecemento da Unesco marcou “un antes e un despois para Lugo, e espertou un orgullo renovado entre os lucenses pola súa historia e polo seu monumento máis emblemático”. Por este motivo, explicou que o programa busca homenaxear ás persoas e colectivos que fixeron posible o nomeamento e que contribuíron ao desenvolvemento cultural e social da cidade.
Ao seu lado, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, sinalou que a celebración coincide co décimo aniversario da declaración do Camiño Primitivo e da Catedral de Lugo como Patrimonio da Humanidade, e que a programación foi concibida para enaltecer o legado histórico da cidade desde múltiples ámbitos artísticos e participativos.
Programación completa
As actividades darán comezo o 7 e 11 de novembro no auditorio Fuxán os Ventos, onde actuarán o cinco veces gañador dun Grammy Victor Wooten & The Wooten Brothers e o recoñecido pianista Chucho Valdés, figura esencial do jazz afrocubano. Ambos concertos están organizados pola Tenencia de Alcaldía e servirán como antesala da programación oficial.
O 12 de novembro, Lugo recibirá a visita institucional do alcalde de Viana do Castelo, cidade irmá desde hai máis de trinta anos. Esta cita será o preámbulo para a Executiva do Eixo Atlántico, que se celebrará o 13 de novembro e na que concellos galegos e do norte de Portugal participarán no recoñecemento á Muralla. Ese mesmo día terá lugar, no Círculo das Artes, un concerto do grupo March Mallow, no marco do Festival de Jazz de Lugo e patrocinado pola Alcaldía.
O 19 de novembro, o auditorio Fuxán os Ventos acollerá o concerto do pianista James Rhodes, artista internacional moi vinculado a Galicia, nunha actuación concibida para ofrecer unha experiencia íntima e sen artificios.
A partir do 22 de novembro, e tamén os días 23, 29 e 30, o centro da cidade converterase en escenario dos espectáculos de maxia do Mago Rafa, con propostas para público familiar en distintos horarios de mañá e tarde.
O 22 de novembro pola mañá, compañías teatrais locais, tanto profesionais como amateurs, animarán a Muralla cun percorrido escénico que atravesará as súas portas, onde cada grupo interpretará breves pezas inspiradas no monumento.
O 26 de novembro, ás 19:00 horas, terá lugar no auditorio Fuxán os Ventos un encontro de corais, no que participarán agrupacións como Cántigas e Flores, a coral do cuarto ciclo da USC, Solo Voces e o grupo Coral Lugh, nunha aposta musical para resaltar a tradición vocal da cidade.
O 27 de novembro, empresas locais e centros educativos organizarán un abrazo quilométrico á Muralla, nun xesto simbólico de unidade para celebrar os seus 25 anos como ben mundial. Ese mesmo día, o MIHL acollerá unha actividade familiar ás 18:00, “a cociña de contos” coa profesora Alba, e ás 20:30 representarase a obra teatral “Ellos y yo” de Jordi Font, unha proposta que combina teatro de obxectos e videomapping para abordar a memoria, a infancia e a perda.
Do 28 ao 30 de novembro, diversos establecementos hostaleiros da cidade ofrecerán elaboracións exclusivas en forma de Tapa Conmemorativa do 25 aniversario, grazas á colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería.
Tamén esa fin de semana realizarase un flashmob dedicado á Muralla, promovido polas escolas Gravitty e Star Dance, co propósito de mobilizar á cidadanía nun baile colectivo de homenaxe ao monumento.
O 29 de novembro, Lugo vivirá unha noite especial que comezará co desfile das asociacións de recreación histórica do Arde Lvcvs, estreitamente vinculado á Muralla, e continuará cun espectáculo aéreo de máis de 150 drons, que debuxarán figuras luminosas no ceo ao ritmo dunha banda sonora composta por Abraham Cupeiro. Ese mesmo día, o auditorio Fuxán os Ventos recibirá á Orquestra Filharmónica, agrupación que conquistou ao público lucense nas súas últimas actuacións.
A mañá do 30 de novembro, a Ronda da Muralla acollerá unha actividade ciclista, destacando a dimensión deportiva e saudable do monumento. Xa pola tarde, o auditorio Fuxán os Ventos será sede do acto institucional, que reunirá a protagonistas políticos, culturais e mediáticos do histórico 30 de novembro de 2000, acompañado pola música da orquestra Terra Nova e outras sorpresas. Paralelamente, a Banda Municipal actuará no Templete da Praza Maior, e o auditorio Gustavo Freire acollerá dúas funcións de “SUM”, peza teatral premiada en Fetén 2025 para primeira infancia.
O alcalde pechou a presentación asegurando que a programación pretende converter esta efeméride nunha “xornada inesquecible, onde a cultura sexa motor e memoria viva da sociedade lucense”.