A Muralla de Lugo será homenaxeada cun paseo literario polo seu 25º aniversario

Esta tarde de martes, Lugo acollerá unha actividade moi especial para celebrar o 25º aniversario da declaración da Muralla Romana como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: un paseo literario que busca poñer en valor este emblemático monumento a través da palabra e da emoción da literatura.
O percorrido, que dará comezo ás 18.00 horas na Praza Pío XII, contará coa participación de destacadas voces da cultura e das letras lucenses.
O guía turístico Guido Álvarez Parga, a profesora de Lingua e Literatura Ana Mª Dopazo Pérez, o xestor cultural, escritor e poeta Simón Rodríguez, coñecido como Galego de Caracas, e o mestre, escritor e tamén poeta Toño Núñez, serán os encargados de guiar esta viaxe literaria ao redor da Muralla.
Durante o paseo, recitaranse textos de diferentes autoras e autores, ofrecendo unha experiencia única que combinará historia, emoción e creación literaria.
O paseo literario dará comezo ás 18.00 horas na Praza Pío XII, onde recitarán Xosé Otero Canto e Simón Rodríguez. A continuación, farase unha parada na Mosqueira, onde intervirán Manuel Celso Matalobos, seguido das lecturas de Ana Dopazo, Manuel Xosé Neira e Lupe Bao. O percorrido continuará ata o Cantiño, onde recitará Pepa Barrios, e máis adiante nos Xardíns da Deputación participarán Marica Campo, Toño Núñez e Claudio Rodríguez. Xa na Porta Falsa volverá recitar Ana Dopazo, á que se sumará Xoán Cabana, mentres que en Bispo Odoario será Toño Núñez quen volva poñer voz aos versos. O paseo culminará na Porta Miñá, coa poesía de Simón Rodríguez poñendo o broche final a esta homenaxe literaria á Muralla.
Este evento propón unha maneira diferente e emotiva de vivir a Muralla, mesturando patrimonio, literatura e sentimento, e reforzando a conexión da cidadanía co seu legado histórico.