A música e as cantigas galego-portuguesas volven este martes dentro do ciclo Cultura no Río
A música e as cantigas galego-portuguesas serán protagonistas este martes do ciclo Cultura no Río que se desenvolve na contorna do Miño, enmarcado na programación posta en marcha polo goberno de Lara Méndez con motivo da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. O grupo Contradança será o encargado da animación musical que tamén explorará ritmos e danzas procedentes doutros folclores.
O grupo está formado polos músicos: Servando Barreiro (voz, concertina e guitarra); Viridiana Barreiro (saxofón, piano e voces); Gonzalo R. Caride (pito, requinta, violino e gaita); Lena Andrea Ullrich (flautas, voces, acordeón); Rubén Pastoriza (percusións). O seu traballo vén recollido en varios CDs: “O son da sega”, “A dança do lume” e “Som voltas”.
A actuación terá lugar a partir das 19:30 horas no paseo fluvial do Miño. Así, un martes máis a contorna natural, que se corresponde coa zona pública de baño, será un escenario lúdico para as familias lucenses no que terán a oportunidade de gozar da cultura galaico portuguesa pero tamén do patrimonio paisaxístico do municipio.
Neste espectáculo en vivo proporase unha viaxe musical por diferentes danzas europeas, desde as muiñeiras galegas até os an drôs bretóns, desde os malhões e viras portugueses até as xigas irlandesas, sen esquecer das xa internacionais valses, polcas, scotichs e mazurcas, nun ambiente festivo e participativo.
A actuación enmárcase dentro da programación posta en marcha polo executivo de Lara Méndez con motivo da Capital da Cultura do Eixo Atlántico que todos os martes do mes de xullo transformará o río Miño nun foco natural para desfrutar da cultura en familia.
Toda a información, así como do resto da programación pode consultarse a través da páxina web www.lugocapitaldacultura.com, onde se atopan actualizados os horarios, ubicacións e datas das diferentes iniciativas que terán lugar ao longo do ano na cidade amurallada.