A música reggae chega a Lugo co 'Soundsystem no Camiño'
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, presentou o ciclo Soundsystem no Camiño, co que a área de Cultura e o Goberno de Lugo achegan á veciñanza o mellor da música reggae do noroeste peninsular. Maite Ferreiro afirmou que “con este encontro queremos achegar unha mostra dun xénero musical que está a gozar de gran popularidade en todo o mundo, ao mesmo tempo que continuamos a ampliar a oferta cultural da cidade”.
A música Reggae ven de ser recoñecida no ano 2018 como Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola Unesco. Comparte co Camiño primitivo un valor cultural e social importantísimo. A súa aportación á reflexión internacional sobre cuestións como a inxustiza, a resistencia, o amor e a condición humana revela a forza intelectual, sociopolítica, espiritual e sensual deste elemento do patrimonio cultural.
Neste sentido, a través do Camiño, preténdese facer un encontro de colectivos de reggae/soundsystem en Lugo, cidade milenaria de gran interese patrimonial e histórico na ruta do Camiño Primitivo, orixe do primeiro Itinerario Cultural Europeo (1987) “Camiño de Santiago”.
Este encontro busca crear unha alternativa de ocio para a xente da cidade e das persoas que se acheguen a Lugo, dinamizando a contorna e facéndoa máis atractiva e activa, visible e participativa, introducindo novas propostas culturais que están á vangarda noutras partes do estado.
O encontro terá lugar este sábado, 2 de xullo, entre as 18.00 e as 06.00 horas non exterior do Pazo de Feiras.