A natureza convértese nunha ferramenta de inclusión a través do programa educativo "Miño Vivo"

LugoXa
Persoas usuarias do Centro Ocupacional San Vicente de Paúl participaron nunha xornada para descubrir a biodiversidade da Reserva da Biosfera Terras do Miño
proxecto-Miño-Vivo-UNED-Lugo
22 Jun 2026

O programa de educación ambiental "Miño Vivo", desenvolvido pola UNED de Lugo en colaboración coa Fundación Breogán, continúa avanzando na súa aposta por fomentar o coñecemento e a participación social arredor do patrimonio natural da provincia. A iniciativa busca crear espazos de encontro entre diferentes entidades e colectivos vinculados á Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Nesta ocasión, a actividade estivo dirixida ás persoas usuarias do Centro Ocupacional San Vicente de Paúl de Lugo, que participaron nunha xornada centrada na aprendizaxe ambiental e na conexión co medio natural nun dos espazos máis representativos do territorio lucense.

Durante a sesión, os participantes puideron coñecer con maior detalle a riqueza ecolóxica presente na contorna do río Miño a través de distintas actividades de observación e identificación de elementos naturais característicos deste espazo protexido.

A proposta centrouse especialmente na identificación da flora e fauna da zona, facendo fincapé na observación e escoita de aves, así como no recoñecemento de diversas especies arbóreas presentes na contorna.

A actividade foi impartida por Alejandro Rodríguez, Yessica Cancela e Ícia Anllo, integrantes da Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED de Lugo, dentro das accións incluídas no proxecto LugoNaturalMente.

A través deste tipo de iniciativas, a UNED de Lugo e a Fundación Breogán continúan reforzando o seu compromiso coa sensibilización ambiental, a inclusión social e a protección do patrimonio natural da provincia, promovendo ademais unha maior participación cidadá na conservación da biodiversidade.

0.12362313270569