A neurocientífica de Bretoña Sonia Villapol ofrece hoxe unha charla en Lugo

LugoXa
O presidente da Deputación recibe á neurocientífica lucense Sonia Villapol, que ofrece hoxe unha conferencia en San Marcos.
tome recibe sonia villapol conferencia
31 Jul 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este venres no seu despacho do Pazo de San Marcos á neurocientífica lucense Sonia Villapol Salgado, que ofrecerá hoxe unha conferencia no Salón de Actos da institución provincial. Tomé Roca expresou o seu recoñecemento á investigadora natural de Bretoña, na Pastoriza, o seu importante labor no mundo da ciencia a nivel internacional e, en particular, o seu traballo de investigación dende os inicios da pandemia da covid-19. 

A doutora Villapol é profesora no Instituto de Investigación do Hospital Methodist de Houston e profesora da Universidade de Weill Cornell de Nova York. Á súa vez, esta neurocientífica leva dende hai máis dun ano formando parte do Equipo de Investigación Internacional da covid-19 que se encarga de analizar como afecta o coronavirus á saúde das persoas. 

O mandatario provincial entregoulle a Sonia Villapol un exemplar do libro Coleccionismo y Almoneda del Gran Conde de Lemos Don Pedro Fernández de Castro, editado pola Deputación, para que teña de recordo da súa visita ao Pazo de San Marcos.

Conferencia As pegadas da Covid

Tomé Roca convida á veciñanza da provincia a participar na conferencia que Sonia Villapol dará este sábado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, ás 18:00 horas. O aforo para esta charla que organiza a Deputación é limitado, pero poderase seguir por streaming na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=OrWwzE1YEZI

Nesta conferencia, a doutora abordará diferentes aspectos vencellados á enfermidade nos que leva estudando nos últimos meses no Equipo de Investigación Internacional ao que pertence. Entre eles, afondará na Covid persistente, na sintomatoloxía da enfermidade en fase aguda, das secuelas, da vacinación, e da transmisión e das particularidades da variante Delta, entre outras cuestións. Villapol tamén porá o foco nas cuestións que haberá que atallar de cara ó presente e ó futuro, como a necesidade de crear unidades postcovid, onde se realicen revisións ás persoas que pasaron a enfermidade. 

Abriranse quendas de preguntas para que as persoas do público poidan resolver as súas dúbidas con respecto á enfermidade. A entrada será de balde, pero haberá prazas limitadas por cuestións de aforo como medida de prevención da Covid. Poderanse reservar asentos no email protocolo@deputacionlugo.org indicando nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto. Para calquera dúbida ou aclaración habilítase o teléfono 982.260.134.

0.16853404045105