A nova comisaría da Policía Nacional construirase na Abella con 9 millóns de euros

LugoXa
O proxecto, incluído no plan estatal de infraestruturas, reforzará a seguridade nunha cidade en crecemento
Miguel-Fernández-alcalde-de-Lugo-e-Pedro-Blanco
25 Mar 2026

O Ministerio do Interior destinará 9 millóns de euros á construción da nova comisaría da Policía Nacional no barrio da Abella, en Lugo. O investimento foi autorizado polo Consello de Ministros e executarase no marco da segunda fase do Plan de Infraestruturas para a Seguridade do Estado (PLISE).

Esta actuación forma parte dun programa estatal máis amplo que contempla unha inversión global de 900 millóns de euros destinada á modernización e mellora das dotacións policiais en todo o territorio.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou a relevancia deste proxecto, subliñando o seu carácter estratéxico para o desenvolvemento da cidade. “Falamos dunha infraestrutura clave para consolidar o modelo de cidade que estamos a construír, cun crecemento sostido e cunha clara aposta pola calidade dos servizos públicos. Lugo non pode quedar atrás e precisa equipamentos á altura do que xa é e, sobre todo, do que vai ser nos vindeiros anos”, afirmou.

Na mesma liña, incidiu na vocación a longo prazo da iniciativa, asegurando que “non estamos ante unha solución provisional, senón ante unha proposta pensada para dar resposta con garantías ás demandas de seguridade dunha cidade en constante evolución”.

A nova comisaría situarase nunha parcela cedida polo Concello cunha superficie de 3.175 metros cadrados. Ademais, o proxecto incorpora outra parcela municipal de 80 metros cadrados, que permitirá incrementar a edificabilidade en 120 metros cadrados, así como unha terceira fronte principal de 400 metros cadrados.

Con esta actuación, as administracións avanzan na dotación de Lugo cunha infraestrutura acorde ao seu crecemento urbano e demográfico, reforzando un servizo esencial como é a seguridade cidadá e consolidando o compromiso institucional cunha cidade máis segura, moderna e preparada para os retos das próximas décadas.

0.12024807929993