A nova edición do Día do Veciño prevé superar os 5.500 asistentes no Pazo de Feiras e Congresos

LugoXa
O encontro servirá para distinguir coa V do Veciño a persoas e entidades
Presentación-Día-do-Veciño
15 Oct 2024

A nova edición do Día do Veciño prevé superar o récord de participación con 5.500 asistentes no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o vindeiro domingo, 20 de outubro, O encontro servirá para distinguir coa V do Veciño, entre outras persoas e entidades, a Carlos López, deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada. A Deputación colabora co Día do Veciño cunha achega de 18.000 euros e un lote de produtos de proximidade para distribuír entre os asistentes.

A voceira socialista do Goberno provincial e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu na Praza de San Marcos a presentación do acto que contou coa presenza do presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, a entidade impulsora do evento; a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; e o Presidente Federación Galega de Comercio, José María Seijas, entre outras autoridades e uns 40 membros do colectivo organizador.

García Porto destacou “unha cita que medra ano a ano e que dá conta da fortaleza do movemento veciñal da nosa provincia. Unha fortaleza da que nos temos que sentir orgullosos, porque grazas a ela e ó seu carácter reivindicativo xa son moitas as conquistas”. Apuntou que a Deputación colabora co movemento veciñal en diferentes iniciativas en base ao convencemento de que “a participación cidadá é un cemento básico de calquera democracia”. “Na vosa loita permanente porque esta provincia non perda servizos; porque non haxa veciños de primeira e de segunda; porque todos teñamos acceso á sanidade; á educación; aos coidados; ou ás novas tecnoloxías; sabedes que contades co noso compromiso”, destacou tamén a Deputada.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sinalou que “durante anos, este colectivo foi e é sinónimo de forza social, en beneficio dos nosos barrios pero tamén de loita por moitos dos avances que están detrás dun Lugo moderno, saudable, sostible e comunicado”. Destacou que “compartimos moitas desas reivindicacións que finalmente acadaron grandes avances”.

Enumerou algúns como a modernización do transporte ferroviario, a mellora da conectividade no medio rural ou o servicio de 24 horas de Hemodinámica. “Son o sentir e a opinión de milleiros de veciños e veciñas de Lugo, ás que as administración temos a obriga de escoitar; coas que debemos dialogar e chegar ao consenso”, valorou Alvarellos. No Día do Veciño 2024 farase entrega das 25 V de Veciño, uns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñecen o labor dun total de 25 persoas e entidades que destacan por desempeñar un papel protagonista en favor da dinamización e promoción da súa comarca e, polo tanto, da provincia.

Este ano serán galardoados: Antonio Villamarín, comisario ex-xefe provincial do Corpo Nacional de Policía; María Mónica López, secretaria da A.V Penedos do Zorro de San Miguel de Vilapedre; CMVMC Corva; MOEXMU; Confederación Hidrográfica Miño-Sil; María José Gómez Rodríguez, conselleira de Medio Rural; Jesús Combarro Pereira; director de Abanca Agro; Asociación do Barrio da Residencia; A.V. Santiago de Adelán, Alfoz; Asociación Cultural e Deportiva Lugdunum; Felipe Labrada, Alcalde do Corgo;  Darío Aldegunde, membro da A.V. Milagrosa; Nicaso López, centenario;  Manuel Escariz, xerente de Tragsa;  Plataforma Lugo non quere cheiros; Carlos López, deputado de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada; Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba;  Jorge Bustos, concelleiro de Xuventude e Deportes de Lugo e o sacerdote Miguel Ángel Fernández.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1918420791626