A nova Estación Intermodal de Lugo abrirá ao público no vindeiro ano

A nova Estación de Tren de Lugo, que forma parte do proxecto da Estación Intermodal que integra tamén a Estación de Autobuses, así como o paso subterráneo que cruzará a cidade baixo as vías do tren estarán en funcionamento o vindeiro ano arredor destas mesmas datas.
Esta nova foi anunciada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o director xeral de Alta Velocidade e de Construcións de Adif, Juan Pablo Villanueva, que visitaron as obras da Estación acompañados pola alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Deputación, José Tomé, que resaltaron e agradeceron o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez en mellorar as infraestruturas da provincia.
O proxecto, no que o Goberno de España está a investir un total de 22,3 millóns de euros, está actualmente na fase de execución do paso inferior, que permitirá conectar as diferentes marxes da estación, e na construción do novo edificio central, que contará con modernas instalacións para os viaxeiros. Este proxecto está a ser levado a cabo sen interrupción no tráfico ferroviario, grazas á coordinación entre Adif e as autoridades locais.
O mandatario provincial, José Tomé, valorou o avance das obras e subliñou a importancia desta infraestrutura para mellorar as comunicacións da provincia, destacando que “articula o territorio e establece unha conexión directa con A Coruña”.
Tomé resaltou que esta actuación complementa as obras en marcha entre Ourense, Monforte e Lugo, que permitirán a conexión directa da provincia coa alta velocidade, mellorando tanto a mobilidade de viaxeiros como o transporte de mercadorías. E destacou que a nova estación intermodal de Lugo, unha vez rematada, non só mellorará a accesibilidade da cidade, senón que a converterá nun punto clave na rede de transportes de Galicia. Ademais, facilitará a conexión coa liña ferroviaria Lugo-Ourense, unindo de forma directa Lugo coa alta velocidade.