A nova imaxe do Lugo peonal: pavimento, espazos verdes e bancos, a debate entre expertos e veciños

LugoXa
O deseñador Guille Tort cuestiona o excesivo uso de granito porque “Lugo de gris xa vai sobrado”, mentres que dende a Asociación de Veciños Centro de Lugo pedían conservar e aumentar as zonas axardinadas
santo_domingo
14 Jul 2024

Lucía Blanco

As tarefas de peonalización do casco histórico deron un xiro de 360 grados aos barrios do centro da cidade. A Praza de Ferrol, Santo Domingo, San Marcos ou a rúa Montevideo concentran algún dos cambios que deixan entrever, conforme avanzan as obras, unha imaxe completamente renovada da urbe. Á par destas intervencións, que arrancaron no ano 2023 e están financiadas principalmente con fondos europeos, o Concello avanzou na regulación do tráfico ao centro, que será declarado zona de baixas emisións, o que delimitará os usos e os accesos ao recinto amurallado, cambiando algúns dos percorridos para os residentes.

O proxecto pretende mellorar a calidade de vida da veciñanza, impulsar o espazo público para un maior uso do mesmo, poñer en relevancia os elementos históricos e dinamizar o centro mentres se potencian os usos comerciais e hostaleiros. Uns obxectivos que se apoian en numerosos estudos ao constatar como as peonalización son beneficiosas a nivel ambiental, social ou económico. Porén, desde a perspectiva estética ou funcional, as intervencións desatan controversia entre expertos e veciños.

Pavimento

O pavimento elixido, como unha plataforma única a base de lousa cadrada de granito, é un dos aspectos que máis polémica xerou durante os traballos. “Este tipo de prazas duras, sen apenas vexetación, con espazos mortos e baleiros, danme pena porque Lugo de gris xa vai sobrado e a lousa de granito fai falta pero non é necesario poñela de maneira masiva”, afirma Guille Tort, deseñador, historiador da arte e propietario dun estudo de arquitectura.  Para el o xogo de granito e lousa que utilizaron no pavimento en Taramundi é un bo exemplo de como actuar, aínda que Patrimonio pode chegar a limitar o uso de certos materiais nas zonas históricas.

“Pero non é escusa, hai prazas nas que o chan é 100 % de lousa, pasan camións de suministros e non pasou nada”. Uns problemas que si se sucederon nos firmes da rúa San Marcos, nos que se abordaron varios procesos de reparación polo paso de vehículos durante as obras. Para este experto o ideal sería cambiar disposición do paramento para redirixir a vista cara os monumentos e darlle un sentido ao solo. “Queda ridículo que o chan sexa unha lousa cadrada sen graza, cando tes unha igrexa cunha fachada barroca, con moito detalle e rocambolesca e que chama moito a atención”.

Zonas axardinadas

O plan de renaturalizar o casco histórico pretende traer máis sombras e bancos. Deste xeito, proxectábase cambiar os xardíns destes espazos, con céspede e terra, pola colocación de árbores, arbustos e outras plantas de xeito illado ou en xardineiras, aumentando así a superficie pavimentada. A configuración das zonas verdes coas que se evitan as illas de calor e tamén se reducen os posibles danos en momentos de choivas intensas é precisamente outro dos focos de maior discrepancia. Moitos lucenses manifestaron a súa preocupación tras a corta de once exemplares fronte ao Xoán Montes para seren substituídos por outros novos ou pola eliminación das roseiras e do pequeno xardín fronte ao cuartel de San Fernando.

“Ademais das que se cortaron, como o teixo que tiñamos, que non daba sombra pero era unha marabilla coa súa forma de cúpula, os exemplares que se poñen inflúe. Porque podes poñer un bidueiro, pero póñense árbores coma eu chamo de infografía”, engade o deseñador. Dende a Asociación de Veciños Centro de Lugo pedían que se mantivera e “mesmo se ampliara a zona axardinada, que se conservaran árbores de porte para que dean sombra e que se suprimise o carril de tránsito previsto fronte ao Convento”. Segundo as últimas modificacións do plan en Santo Domingo, onde se proxectan 840 m² de zonas verdes —155 m² máis que na actualidade—, instalarase un novo quiosco e manteranse as camelias.

Na zona verde inicial e na nova crearase un xardín con céspede e flores elevado para conseguir “unha maior harmonización e inclusión aplicando ao urbanismo criterios de perspectiva de xénero que contribúan a eliminar zonas escuras”, relatou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos. Uns cambios que chegan despois dun proxecto “inicialmente nefasto para a cidade”, lamentaban dende o colectivo de veciños, pois “eliminábase practicamente toda a zona axardinada, quedaba a praza sen fonte despois de mantela dende hai 170 anos ata a actualidade e duplicaban as zonas de tránsito dos vehículos”.

Eliminar un carga/descarga proxectado fronte a un local comunitario, o traslado do aparcabicis fronte á porta do colexio na Praza do Ferrol a unha zona menos perigosa, manter a fonte de San Fernando na súa localización orixinal e un xardín arredor dela, que foi a única demanda non aceptada porque “o anterior interventor non o considerou tecnicamente xustificable e podía comprometer os fondos europeos”, completaban as súas reclamacións. A asociación, que acumula meses de traballo e decenas de reunións, pide máis respecto por parte do Concello ao seu labor, grazas ao que, recalcan, “tivo a oportunidade de rectificar e modificar” o proxecto, aínda que están satisfeitos co exposto no borrador.

A Asociación de Empresarios Lugo Monumental valora como acertadas as mudanzas e propoñen que o tráfico rodado que se dirixe á contorna de Armañá acceda por Santo Domingo para “non comprometer o carácter peonal de Quiroga Ballesteros” e que se estude a localización dunha parada de autobús para facilitar a comunicación do casco histórico. Tamén solicitan que o pavimento que se instale, polo menos desde o acceso da rúa do hospital á parte superior praza, incluíndo a contorna da Aguia, “soporte o tráfico rodado para non comprometer futuras decisións sobre o seu uso”.

Mobiliario urbano

Por outra banda, o plan terá como resultado un maior número de mobiliario urbano, cun incremento de papeleiras e bancos, aínda que tampouco está exento de lamentos. Algúns usuarios criticaron o deseño destes últimos en lugares coma Quiroga Ballesteros ou na Praza Ferrol, onde inicialmente carecían de respaldo. “Pedimos que se mudaran os bancos proxectados sen respaldo ou con el simétrico na súa maioría con respaldo, cómodos e funcionais”, trasladan dende a asociación veciñal do centro, unha queixa que finalmente foi atendida polo Goberno local, que os substituíu e lles permitiu intervir na súa colocación.

“Deixaron que se puxeran máis ou menos onde os veciños quixemos, porque temos técnicos que miraron onde estaban as sombras e onde estorbaban menos. Todas as nosas peticións están xustificadas, documentadas e son coherentes e positivas para a cidade”. Pola súa parte, Tort cuestiona o aspecto funcional do novo mobiliario urbano e como este se integra no espazo. “Podo entender a intención de mellorar o centro pero bastantes bancos da praza de Ferrol, independentemente de que encaixen mellor ou peor, están torcidos, porque non nivelaron o solo e algúns están en costa entón sentas e vaste para un lado. A min parécenme cómodos os máis clásicos, os de toda a vida, como os que había en Rosalía, e asócianse máis ao casco histórico dunha cidade”.

O deseñador, que se considera un amante da vangarda e do minimalismo, asegura que se trata dun deseño visualmente agresivo. “Non o termino de ver para o casco histórico, máis aló de que sexa cómodo ou non”. E lembra a importancia de coñecer ben o espazo no que se intervén. “Non creo que sexa lóxico utilizar unha base dun banco dun material de aceiro corten, como o que se usou na praza de Abastos. Cando non tes en conta o material co que choca pasa o mesmo que ocorre cos farois do paseo da Coruña que oxidan e parece que están cheos de lixo”.

 

0.16865181922913