A obra de Tino Grandío regresa a Lugo nunha exposición que dialoga coa creación artística actual

A obra do pintor Tino Grandío (Guntín, 1924 – 1977) regresa a Lugo acompañada por creacións de artistas da Galicia actual nunha nova exposición que establece un diálogo entre distintas xeracións da arte galega. A mostra pode visitarse na Sede de Afundación de Lugo ata o 13 de xuño.
A proposta expositiva leva por título «Tino Grandío. Correspondencias» e articúlase arredor da relación entre as obras do pintor, considerado un dos grandes nomes da pintura galega do século XX, e creacións contemporáneas que dialogan con elas desde diferentes perspectivas. Ao longo da súa traxectoria, Grandío destacou por unha linguaxe pictórica innovadora que en moitos casos se adiantou ás correntes de vangarda europeas da súa época.
A iniciativa chega, ademais, apenas un ano antes de que se cumpran 50 anos do falecemento do artista na cidade lucense, onde morreu en 1977.
O proxecto conta co comisariado de Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo, integrantes da Cooperativa Performa.