A Ocioteca de Verán de Burela desenvolverase do 13 de xullo ao 21 de agosto
O Concello de Burela presentou a Ocioteca Verán 2020, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Está dirixida ao alumnado que estea matriculado no curso escolar 2019-2020 en segundo ciclo de Educación Infantil con idades entre os 3 e os 6 anos e toda Primaria ou que teñan 3 anos cumpridos no momento da inscrición. Será ademais requisito obrigatorio estar empadroado en Burela. No acto desta mañá estiveron o alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, e as monitoras de Gaia.
A inscrición na Ocioteca de Verán estará aberta do 29 de xuño ao 1 de xullo na oficina de Gaia, situada na Praza de Abastos, antiga Capitanía Marítima. Unha vez rematado este prazo deberase chamar aos teléfonos 982 580 867 ou 647 136 673, mirar na páxina web municipal ou no taboleiro de anuncios do Concello para consultar as listaxes provisionais de admitidos. Estarán listas a partir do 6 de xullo. De non estar de acordo coa puntuación obtida poderán presentarse alegacións durante dous días hábiles e o 9 de xullo publicaranse as listas definitivas. Nesta edición haberá unha baremación especial na que se terán en conta a situación socio-laboral, socio-económica e socio-familiar dos solicitantes.
As actividades darán comezo o 13 de xullo e prolongaranse ata o 21 de agosto, de luns a venres, agás os festivos, de 9:00 a 13:30 horas. Levaranse a cabo nas instalacións do CEIP Virxe do Carme de Burela.
Ofertaranse un total de 60 prazas: 45 para o grupo de alumn@s de Infantil, 1º e 2º de Primaria e nen@s de 3 anos; e 15 para o grupo de alumn@s de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria. Os grupos terán 15 participantes como máximo (pendentes das instrucións que a Xunta de Galicia dite ao respecto).
Toñi Eijo contou que “a Ocioteca promoverá actividades que favorezan a diversión creando un ambiente lúdico e actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade; potenciará actitudes de valoración e respecto cara o entorno físico e natural; e dará a coñecer o entorno que nos rodea”.
O Concello convoca unha reunión informativa para o 10 de xullo ás 20:00 horas no salón de conferencias do Concello, para explicar as medidas excepcionais de prevención fronte ao Covid-19, que se tomarán e que serán de obrigado cumprimento. Terán que asistir o pai, nai ou titor de cada nen@ que acuda ás actividades, xa que deberán asinalas.
A concelleira de Medio Ambiente subliñou que “o obxectivo é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos nenos e nenas unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia. Este ano especialmente, e con máis razón que calquera outro ata o de agora, debemos intentar dar unha solución aos pais e nais que teñen que saír das súas casas a traballar e que teñen un período menor de vacacións por estas circunstancias excepcionais que estamos vivindo”.