A Ocioteca Municipal de Monterroso abre o prazo de matrícula para o curso 2026/2027

LugoXa
O servizo de conciliación familiar ofrece atención gratuíta aos menores e un bono simbólico de 15 horas mensuais renovable
ocioteca-Monterroso
24 Aug 2026

A Ocioteca Municipal de Monterroso abre este luns, 24 de agosto, o prazo de matrícula para o curso 2026/2027. As familias interesadas poderán formalizar a inscrición en horario de 08.30 a 14.00 horas.

A ocioteca ofrece un servizo de conciliación familiar destinado a facilitar ás nais e pais o coidado dos seus fillos e fillas, así como a compatibilización das responsabilidades familiares e laborais.

Dentro deste servizo tamén se contempla un bono simbólico de 15 horas mensuais, que poderá renovarse cada mes.

A iniciativa é posible grazas á subvención do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia, que permite financiar a gratuidade dos servizos de conciliación familiar.

Para acceder a unha praza de conciliación na ocioteca é obrigatorio xustificar laboralmente as horas nas que o menor fai uso do servizo, así como estar empadroado no municipio.

No caso dos nenos e nenas de educación infantil, o tempo máximo de utilización do servizo será de 2 horas e 30 minutos ao día, mentres que para os menores de educación primaria será de 3 horas e 30 minutos diarios.

Ademais, ningún usuario poderá entrar ou saír da ocioteca sen estar acompañado por unha persoa adulta. Durante o tempo que o menor permaneza no servizo, o teléfono de contacto da súa persoa titora deberá estar dispoñible.

Por último, as merendas deberán ser saudables, agás os venres, día no que se permitirá unha maior flexibilidade.

0.12220096588135