A Oficina Verde da UNED participou en Santiago nunha xornada sobre o futuro das renovables en Galicia

O equipo da Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED, con sede na UNED de Lugo, participou na xornada "Diálogos para unha Galicia renovable. Parques antigos, muíños novos: participación e retorno na repotenciación", celebrada na sede do CISPAC, no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
O encontro, organizado pola Rede Española para o Desenvolvemento Sostible (REDS) no marco do proxecto Renovables co Territorio, abordou como avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible sen deixar á marxe as comunidades e os territorios nos que se implantan os proxectos de enerxías renovables.
A repotenciación dos parques eólicos existentes en Galicia centrou boa parte do debate, no que se trataron cuestións como a capacidade de decisión das comunidades locais, a distribución equitativa dos beneficios xerados por estas instalacións e os mecanismos de gobernanza necesarios para garantir un retorno real ao territorio.
A xornada tamén permitiu contrastar o "Manual de boas prácticas para a participación social en proxectos de enerxías renovables", que se atopa na fase final de elaboración. O documento incorporará as achegas recollidas durante o encontro antes da súa publicación.
A participación da Oficina Verde neste tipo de iniciativas enmárcase no seu compromiso coa creación de espazos de diálogo, o intercambio de coñecemento e a colaboración entre entidades para avanzar cara a un desenvolvemento máis sostible. A transición enerxética representa unha oportunidade para combater o cambio climático, impulsar o desenvolvemento local, fortalecer a cohesión territorial e contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
Neste proceso, a universidade ten un papel relevante como xeradora e transmisora de coñecemento.