A organización do Resurrection estuda aprazar o festival ao 2021

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
24 Abr 2020

O Resurrection Fest vén de comunicar a súa inquedanza na celebración do festival deste ano do 1 ao 4 de xullo e que o máis probable é que se teña que aprazar a edición ao 2021.

Dadas as restricións que hai agora mesmo, é máis que probable que non se poida facer ningún tipo de evento musical durante os vindeiros meses e iso inclúe ao Resurrection Fest.

Para a organización do evento "a seguridade e saúde de todas as partes tanto público, traballadores, bandas é o principal, polo que non cremos que se deba realizar un evento con tantos miles de persoas dada a situación actual".

Aclaran tamén que non tomaron aínda a decisión de pospoñer o festival xa que "este é un evento que implica manexar centos de contratos con bandas, provedores, patrocinadores, etc. que non podemos romper de maneira unilateral. Para iso necesítase unha cláusula de forza maior, algo que só pode establecer o Goberno. Isto xa se fixo en moitos países de Europa, pero aquí aínda non se fixo e todos temos que esperar a que ocorra".

Esta situación é realmente difícil para un festival como é o Resurrection Fest e" para os veciños de Viveiro, xa que se verán moi perxudicados", din, "desde o propio staff e as súas familias, a provedores, a traballadores externos, prensa, equipo técnico de escenarios, son, luces, obreiros, decoración, seguridade, camareiros, food trucks, patrocinadores, etc. e moitas outras pequenas empresas que teñen gran parte da súa facturación co festival. Será un duro golpe para a hostalería local en Viveiro e toda a comarca, xa que o gran impacto económico que deixa o festival na zona era este ano máis necesario que nunca".

Engaden que "na parte positiva é que as bandas se amosan moi colaborativas á hora de recolocar o cartel, e estamos case convencidos de que, no máis que probable caso de non poder facer o festival este ano, o noso 15º aniversario celebrarase en 2021 por todo o grande con todos os atractivos do cartel actual e moitas máis sorpresas".

Por outra banda, informan de que no tocante as entradas irán dando detalles específicos máis adiante, pero todas serán válidas para o ano que vén de forma automática e a quen non poida acudir ofreceraselle o reembolso do valor da entrada dentro dos prazos establecidos pola lei.

0.20301389694214