A organización estima en 6.500 persoas as que se concentraron en Lugo contra a moción de censura

GaliciaXa | LugoXa
As persoas participantes reclamaron a defensa das condicións democráticas e apelaron á responsabilidade da tránsfuga
Concentración-moción-de-censura-transfuguismo-Non-democracia-si-Lugo
24 Apr 2026

Arredor de 6.500 personas, segundo datos da plataforma convocante, concentráronse na Praza Maior de Lugo, diante da Casa Consistorial, nunha das mobilizacións máis numerosas dos últimos anos na cidade. A convocatoria partiu da plataforma cidadá ‘Transfuguismo non, Democracia si’, que reuniu a unha ampla representación da sociedade luguesa para amosar o seu rexeitamento ao acordo acadado entre o Partido Popular de Lugo e a concelleira non adscrita María Reigosa.

A protesta céntrase no pacto que permitirá retirar o goberno municipal ao PSOE e ao BNG, formacións que resultaran elixidas democraticamente nas eleccións municipais de 2023. A alianza entre o PP e Reigosa dará lugar a un novo executivo con maioría absoluta de 13 edís, fronte aos 12 cos que contaba o grupo popular ata o momento.

Durante o actual mandato producíronse diversos cambios que alteraron a composición inicial da corporación, como a saída de Lara Méndez e o falecemento de Paula Alvarellos, Pablo Permuy e Olga López, circunstancias que fixeron avanzar a lista socialista ata a incorporación de María Reigosa, quen asumira o compromiso de manter a liña política do seu partido en Lugo. Non obstante, finalmente decidiu apoiar ao PP nun acordo que permitirá investir o próximo 7 de maio a Elena Candia como nova alcaldesa, devolvendo así aos populares o control do Concello tras 27 anos sen acadar a maioría necesaria para gobernar.

Na concentración participaron tamén numerosos cargos públicos e representantes institucionais, entre eles o líder dos socialistas galegos, José Gómez Besteiro; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a rexedora de Santiago, Goretti Sanmartín; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; e a subdelegada do Goberno, Olimpia López, ademais de alcaldes, deputados e senadores tanto autonómicos como estatais, así como concelleiros socialistas de distintos municipios.

As persoas participantes reclamaron a defensa das condicións democráticas, apelaron á responsabilidade da tránsfuga, expresaron o seu rexeitamento ás ansias de crecemento persoal na política e reivindicaron que “a forza da democracia nos asiste”.

A plataforma subliñou que as súas accións se desenvolven dende o civismo, a pluralidade e a tolerancia, aínda que con firmeza nas súas conviccións. Tamén denunciaron o clima de insultos e descalificacións recibido nos últimos días, que consideran alleo ao necesario debate democrático.

No transcurso da concentración, fixéronse chamamentos á responsabilidade e á coherencia política, lembrando que as decisións individuais poden ter consecuencias duradeiras na confianza cidadá. Neste sentido, reiterouse a invitación a rectificar e a evitar unha situación que podería supoñer unha grave decepción para a veciñanza.

Os promotores da plataforma cidadá cualificaron a situación actual como “o capítulo máis escuro do período democrático” na cidade e definiron a moción de censura como unha “estratexia oportunista”. Aínda que recoñecen este mecanismo como lexítimo en determinados contextos, sosteñen que neste caso se está a empregar como un “atallo cara ao poder”, desvirtuando o seu sentido e erosionando a confianza nas institucións.

Os asinantes consideran que o transfuguismo é “incompatible cos principios básicos da representación democrática” e que a operación en marcha non responde ao interese xeral, senón a intereses particulares. Ademais, alertan de que suporía un cambio no modelo de cidade, con medidas como o regreso do tráfico ao centro, a implantación de plantas de biogás na contorna ou modificacións na programación cultural e no desenvolvemento urbano.

Segundo sinalan, unha operación deste tipo suporía “un golpe á vontade popular”, aínda que revestido de legalidade formal, e podería xerar consecuencias como a crispación social, a división entre a veciñanza e o deterioro da confianza na política.

A manifestación concluíu cunha defensa firme dun modelo de cidade baseado na xustiza social, nos servizos públicos de calidade e no compromiso co benestar da cidadanía.

BNG DE LUGO

Concelleiros e concelleiras do BNG na cidade, ademais de militantes e simpatizantes, uníronse "á gran marea de veciñas e veciños que se sumaron para amosar a súa repulsa aos movementos dun Partido Popular que demostra que o único que lle interesa é o poder e non o benestar da veciñanza de Lugo", dixo o portavoz nacionalista local, Rubén Arroxo.

O portavoz do BNG agradeceu "á importante delegación de cargos institucionais do BNG que se sumaron a esta mobilización". Entre outros, estiveron presentes Goretti Sanmartín, alcaldesa de Compostela, Xose Luís Maceda Vilariño, alcalde da Pobra do Brollón, Manuel Requeixo, alcalde de Muras, Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa ou María Xesús López, alcaldesa de Samos, xunto con diversos portavoces de cogobernos nos que o BNG ten presencia. Ademáis, Arroxo agradeceu tamén a presenza de múltiples cargos orgánicos do BNG chegados especialmente das comarcas da Mariña e Lugo Sur.

Para Rubén Arroxo, o movemento que está a executar o Partido Popular de Lugo "é indecente e inaceptable". Segundo Arroxo, o PP "aprovéitase do falecemento de tres concelleiros, unha situación absolutamente tráxica, para dar un golpe de estado municipal". Ademais, Arroxo anunciou que o BNG continuará a apoiar as diversas accións da plataforma transfuguismo non, democracia si, co obxectivo de "respectar a decisión tomada pola veciñanza de xeito democrático hai 3 anos".

0.11995100975037