A pandemia continúa crecendo na provincia
O coronavirus continúa o seu crecemento imparable na provincia de Lugo seguindo a mesma dinámica que se está a producir no resto da comunidade autónoma, do Estado e mesmo noutros países do mundo.
A chegada do mal tempo está a provocar un aumento desproporcionado de contaxios que fai crecer tamén o número de casos activos. Así, hoxe son 782 na provincia, 39 máis que hace 24 horas, condicionado polos 52 novos positivos detectados neste mesmo periodo. Deste xeito son xa 4.139 as persoas que padeceron ou padecen a covid-19, 363 persoas máis que hai xusto unha semana. Nese momento había 219 casos activos menos.
Tamén neste tempo de aumento desmesurado de contaxios houbo que lamentar unha vítima mortal, un home de máis de cen anos ingresado no Hula.
Tamén crece a presión hospitalaria na provincia. En concreto, cinco pacientes están ingresados na UCI do Lucus Augusti, tres máis que na xornada precedente. Ademais, 26 atópanse en planta no Hula, dous no hospital da Mariña e cinco no de Monforte. En total son sete hospitalizados máis respecto ao día anterior.
Son xa 3.264 as persoas que superaron a covid-19, 19 máis nas últimas horas e 142 máis que hai unha semana.
Con esta cifras queda claro que o crecemento é imparable. As últimas análisis culpan da situación na provincia a festas e botellóns de xente moza e mentres o toque de queda continúa activo, mañá o presidente da Xunta ten previsto facer públicas unha serie de medidas que afectarán á mobilidade da poboación.
Mentres, o mapa de incidencia segue mostrando a Lugo e Monforte en nivel vermello mentres que Foz, Viveiro, Fonsagrada, Cospeito están xa en laranxa. Destaca tamén a incidencia en nivel amarelo en Foz, Sarria, Bóveda e Antas de Ulla.
GALICIA
No conxunto da comunidade galega a situación non é mellor. Nas últimas 24 horas confirmaron 618 os novos positivos. Deles, 156 na área de Vigo, 123 na da Coruña e Cee e 113 na de Santiago. Deste xeito Galicia roza os 8.000 casos activos ao ascender a 7.930. A área de Ourense suma 59 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; a de Ferrol, 58; a de Pontevedra e O Salnés, 57; e a de Lugo, 52.
En canto aos casos activos, ascenden a 7.930 en Galicia, o que supón 395 máis que o mércores. Estes aumentan en todas as áreas, salvo na de Ourense, na que baixan lixeiramente a 1.407. A de Vigo mantense á cabeza, con 1.624, o que supón 122 máis que a xornada pasada.
Pola súa banda, a área Sanitaria da Coruña e Cee conta con 1.358 casos activos, o que supón 73 máis; a de Santiago e Barbanza, 1.251 -65 máis-; a de Pontevedra e O Salnés sobe a 838 -57 máis-; a de Lugo colócase con 782 -39 máis- e a de Ferrol ten 670 -50 máis-.
Ata a data curáronse 26.270 persoas en Galicia, 236 máis que este mércores e os falecidos xa son 889 tras notificar Sanidade a morte de sete persoas, tres delas na residencia de Vos Gozos do Pereiro de Aguiar (Ourense).