A parroquia de Santiago de Saa foi o escenario dunha nova sesión formativa de cestería

A parroquia de Santiago de Saa foi o escenario dunha nova sesión formativa de cestería na que as persoas participantes puideron iniciarse nas técnicas básicas dun oficio artesanal que forma parte do patrimonio cultural galego.
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, destacou “a gran acollida que están tendo estes cursos por parte das asociacións”, e valorou que esta iniciativa permite “achegar formación útil e conectada coa identidade do noso territorio, ao tempo que apoiamos o labor das asociacións veciñais como espazos vivos de dinamización local”.
O ciclo de formación conta cun total de 15 horas repartidas en cinco sesións por grupo. Ata o momento, participaron asociacións das parroquias de Carballido, Orbazai, O Burgo e Galegos. Nas vindeiras semanas sumaranse aos obradoiros as entidades de Bosende, Piúgos, San Lázaro e Recatelo.
Cristina López salientou que esta proposta se enmarca nun modelo de apoio integral ao tecido asociativo do municipio, que combina a achega económica co impulso de actividades culturais e formativas adaptadas ás necesidades da veciñanza.
Desde a Tenencia de Alcaldía defenden a descentralización da oferta formativa municipal, levando estas propostas aos barrios e parroquias para garantir o acceso equitativo e a participación activa de toda a cidadanía. “Queremos que as parroquias e barrios de Lugo conten con oportunidades reais para participar, aprender e manter vivas as tradicións que forman parte do noso patrimonio inmaterial”, concluíu a edil.