A piques de rematar as obras da rúa Rosalía de Castro e do Hórreo de Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
22 Apr 2020

O alcalde, Alfredo Llano, visitou xunto ao concelleiro Ramiro Fernández Rey as obras realizadas nas rúas Rosalía de Castro e do Hórreo e tamén na estación de autobuses.

O rexedor contou que “estivemos supervisando as obras que tíñamos xa a punto de rematar no noso concello como é o caso da rúa Rosalía de Castro. Agora mesmo están traballando para deixala asfaltada, proximamente rematarase con pintura e zonas de carga e descarga, e ao mesmo tempo de aparcamento. Polo tanto vai quedar lista espero que en dous ou tres días nesta semana e xa se poderá utilizar con toda normalidade”.

Llano sinalou que “outra que quedou perfecta é a rúa do Hórreo que marcou unha singularidade dese barrio, unha zona extraordinaria e vistosa por excelencia de Burela. Quedou magnificamente rematada e ademais coa motivación para que sexa visitada e poder visualizar todo o porto de Burela. E outra obra que xa está a piques de rematar é a da estación de autobuses. É unha obra que fai a Xunta de Galicia, que era moi necesaria porque tanto a estación de autobuses como a do tren era notorio que había que modificala e arranxala. Fíxose o asfaltado da zona onde están os aparcamentos de entrada e saída dos autobuses, que quedou ben, e a reposición, pintura e arranxo do mobiliario en xeral”.

O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, subliñou que “a actuación na rúa do Hórreo era unha obra que tiñamos moito interese en facer, puxemos en valor unha zona cun miradoiro cara o porto, que a verdade é que quedou moi ben. Os traballos contaron co financiamento da Consellería de Medio Ambiente que destinou arredor de 80.000 euros e 39.000 euros máis que puxo o Concello de Burela. Consistiu en poñer un adoquinado que quedou moi bonito e fixemos a renovación das canalizacións de augas pluviais e residuais, que tiñan bastantes deficiencias”.

O edil burelés aproveitou “para felicitar á redactora do proxecto que foi a arquitecta técnica municipal. A zona conta así cun miradoiro cara o peirao que permite unha visión perfecta do porto de Burela. Os veciños e veciñas cos que falamos tamén quedaron moi contentos coa obra, polo que é unha satisfacción para nós”. E adiantou que “seguiremos traballando nesa zona posto que hai algunhas construcións e algún terreo que non está nas mellores condicións posibles. Agora despois de ver como quedou esta obra no Hórreo os donos das propiedades que hai alí tamén deben facer un esforzo e poñelo acordo con esa actuación realizada”.

Fernández Rey tamén se referiu á obra de Rosalía de Castro: “están rematando esas obras. No día de hoxe estase procedendo a dar a primeira capa de asfaltado desa rúa e estanse a colocar os topes para que cando os vehículos aparquen non invadan as beirarrúas. É unha obra ben valorada polos veciños, que vai quedar moi ben”. O concelleiro de Obras indicou que “a previsión é que neste ano, con cargo ao Plan Único, sigamos avanzando na contorna do parque Rosalía de Castro, no seguinte cruce que ven a continuación desta obra que fixemos. Ademais de aproveitar para mellorar a estética da nosa vila tamén procedemos a mellorar esas redes de pluviais e residuais, que son obras que non se ven, pero que son moi importantes. Supoñen a mellora do saneamento e do funcionamento da depuradora, que xa sabemos que é precario na actualidade. Agardamos que nos vindeiros meses se poida empezar coa licitación da nova depuradora, pero mentres hai que tentar coidar ao máximo posible a que temos”.

O alcalde engadiu: “consideramos que esas tres obras son importantes para o noso concello, tamén cremos que son atractivas e polo tanto axudarán a que moita xente veña visitar Burela cando isto se normalice, con todas as garantías de axudar o máximo posible a traer xente por aquí constantemente para recuperar a apertura de moitos negocios que agora mesmo, como se sabe, están pechados”.

Xuntanza coa Acia 

Ademais Alfredo Llano anunciou que “xa teño falado co presidente da Acia de Burela, cando comezou esta crise. Esperamos realizar mañá unha reunión cos membros da Acia para ir mirando temas que van afectar a curto, a medio e a longo prazo, ver que cousas pode facer o Concello, que nos expliquen a súa problemática e, desde logo, poñer todos o máximo interese en solucionar esta situación e ver como podemos procurar volver á normalidade ou polos menos achegarnos a ela. Hai que procurar estar aí, atentos todos, co mesmo obxectivo común que non é outro máis que recuperar da mellor forma posible o noso estado socioeconómico no noso concello”.

0.1382098197937