A Planta de Biometano de Coeses: Un conflito de intereses en Lugo

A instalación da planta de biometano na parroquia de Coeses, no Concello de Lugo, converteuse nun tema de debate que preocupa á veciñanza das parroquias afectadas. Este proxecto, promovido pola empresa Bioenergía Lugo S.L. busca transformar residuos orgánicos en biometano, unha fonte de enerxía renovable. Con todo, malia os beneficios ambientais e económicos que promete a empresa, as persoas que viven na zona ven este proxecto como unha ameaza para a súa saúde e o seu entorno.
Desde o inicio da súa planificación, o proxecto atopou a oposición rotunda de diversos colectivos veciñais, sendo a Plataforma de Veciños contra a Planta de Biometano a voz principal de protesta. A plataforma, formada por residentes das parroquias limítrofes e afectadas polo proxecto, denuncia a falta de transparencia, a desinformación e a posible inxustiza ambiental que suporía a implantación desta planta. Ademais, denuncian que este proxecto conta co apoio da comunidade de montes de Coeses, que lle aluga desde hai dous anos os terreos á empresa para que poidan desenvolver o proxecto.
A negativa á planta de biometano non só se limita á protesta dos veciños. O informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) de febreiro de 2025 foi en contra deste proxecto, xa que, tras estudar a información complementaria aportada pola empresa nos últimos meses, a CHMS mostrou unha preocupación profunda polo impacto ambiental da planta e advertiu que a instalación afectaría negativamente ás masas de auga subterránea da zona, unha área que xa se encontra próxima a zonas de protección hídrica e a áreas vulnerables á contaminación por nitratos. Esta advertencia subliña os riscos de contaminación das augas superficiais e subterráneas, que son fundamentais para a vida rural das parroquias afectadas, onde moitos veciños dependen de pozos privados para o subministro de auga.
Con este informe en contra da CHMS, a Dirección Xeral Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta emitiu un primeiro fallo tendo en conta estes informes da CHMS e, polo tanto, deulle á empresa un prazo de 10 días para presentar un novo proxecto que resolvese as deficiencias detectadas ao verter as augas residuais a un regacho que desemboca no Miño. Así o fixo a empresa, pero foi denegado e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén denegou a solicitude de autorización ambiental integrada e avaliación de impacto ambiental ordinaria. A falta dunha avaliación ambiental exhaustiva, xunto coas deficiencias técnicas detectadas, a Xunta rexeitou o proxecto da planta. Porén, deulle á empresa un mes para presentar alegacións.
Con todo, a veciñanza critica que, malia estes informes desfavorables, a Xunta continúa a defender o proxecto. Dende o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que desde que se soubo do proxecto estivo do lado dos veciños mostrando a súa oposición; critican que o proxecto fose cualificado como unha "Iniciativa Empresarial Prioritaria", sen ter en conta os efectos que podería ter sobre o medio ambiente e a saúde das persoas. Rubén Arroxo, tenente alcalde de Lugo e portavoz do BNG, declarou o apoio total á loita veciñal, subliñando que o proxecto "foi rexeitado pola Autorización Ambiental Integrada, pero a Xunta insiste en respaldalo, priorizando os intereses privados por riba dos dereitos da veciñanza".

O IMPACTO SOBRE A VIDA DOS VECIÑOS
A veciñanza considera que o lugar escollido para a planta de biometano non é o máis adecuado. Trátase dunha zona de monte comunal e forestal, que tradicionalmente foi destinada a actividades de explotación forestal. Para os veciños, este proxecto non só afecta ao seu entorno natural, senón tamén ao seu estilo de vida e aos seus dereitos como cidadáns.
O principal temor dos veciños non só se centra nas posibles consecuencias medioambientais, senón tamén na súa calidade de vida. Un dos maiores temores é o aumento da contaminación atmosférica derivada dos olores que se xerarían na planta, especialmente cando se fagan os transportes de residuos e a súa descarga, que se realizaría a tan só 200 metros de vivendas. Ademais, a proximidade da planta a núcleos residenciais levanta serias dúbidas sobre o benestar dos residentes, xa que a planta funcionaría as 24 horas, os sete días da semana, o que provocaría ruídos constantes.
Outro dos riscos que se destacan é a potencial contaminación das augas. Moitos veciños da zona dependen de pozos para o abastecemento de auga, e a instalación dunha planta que xere residuos orgánicos e que requira unha gran cantidade de auga para o seu funcionamento pode poñer en perigo este recurso tan fundamental. A proximidade de áreas protexidas e a súa influencia nas masas de auga subterránea son factores que, segundo os informes técnicos, non foron correctamente avaliados no proxecto.
A veciñanza non se conforma coas respostas ofrecidas pola empresa, que se limita a asegurar que a planta estará suficientemente controlada e que as medidas ambientais serán adecuadas. O principal problema, afirman, é que as melloras prometidas non parecen suficiente garantía ante os riscos que se corren. Tamén denuncian que as empresas que levan a cabo este tipo de proxectos reciben máis apoios e beneficios que que os cidadáns, que non reciben axudas ou compensacións por soportar os impactos desta instalación na súa vida diaria.
Por todo isto, desde a Plataforma de Veciños contra a Planta de Biometano informan de que seguirán levando a cabo mobilizacións e actividades para dar visibilidade á súa causa. Entre as accións previstas destacan concentracións e unha andaina por a muralla de Lugo, co obxectivo de sensibilizar á sociedade luguesa e á propia Xunta de Galicia sobre o impacto que este proxecto podería ter na súa vida diaria. En definitiva, seguir facendo presión co fin de que o proxecto sexa cancelado completamente para garantir que o futuro das parroquias de Lugo non quede hipotecado por unha planta de biometano que, segundo os veciños e veciñas, pode traer máis problemas que beneficios.