A Plataforma Barrio da Residencia alerta do estado dunha parcela e reclama a súa limpeza urxente

LugoXa
O colectivo veciñal advirte da acumulación de vexetación entre Doutor Gasalla e a rúa das Anduriñas e considera que pode supoñer un risco para os edificios próximos
Limpeza-subsidiaria-parcela-abandonada-Rúa-Doutor-Gasalla-2026.08
19 Aug 2026

A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia reclama ao Concello de Lugo unha actuación urxente nunha parcela situada na esquina das rúas Doutor Gasalla e das Anduriñas, ao considerar que a acumulación de vexetación e a falta de mantemento poden xerar problemas de seguridade e salubridade para a contorna.

O colectivo denuncia o que cualifica como un estado de abandono do terreo e responsabiliza tanto á propiedade como á Administración local de non ter adoptado medidas para garantir o seu desbroce e limpeza. Segundo explica, no interior dos muros acumulouse abundante biomasa vexetal e diferentes especies colonizadoras foron ocupando progresivamente o espazo.

A plataforma sinala especialmente a presenza de hedras e outra vexetación que xa supera os muros da finca e alcanza zonas próximas á beirarrúa. A súa principal preocupación céntrase na proximidade dun edificio residencial, ante a posibilidade de que se produza un incendio no interior da parcela.

Preocupación polo risco de incendio

O colectivo considera que as altas temperaturas incrementan o risco asociado á acumulación de vexetación seca. Segundo advirte, un eventual lume podería afectar ao inmoble contiguo e alcanzar tamén os colectores de residuos situados na rúa das Anduriñas, a unha distancia aproximada de entre cinco e dez metros da parcela.

Neste sentido, a plataforma lembra que catro colectores desta zona xa sufriron un incendio en abril de 2024, un antecedente que, ao seu xuízo, reforza a necesidade de adoptar medidas preventivas.

A preocupación dos residentes non se limita ao risco de incendio. O colectivo considera que a falta de mantemento podería converter o terreo nun foco insalubre e favorecer a aparición de roedores ou outras especies non desexadas.

Por todo iso, a Plataforma Barrio da Residencia insta ao Concello a requirir a limpeza do terreo e, se fose necesario, executar de maneira subsidiaria o desbroce e a retirada da biomasa acumulada. O colectivo reclama unha intervención que permita reducir os posibles riscos, garantir a seguridade dos residentes e evitar prexuízos aos servizos e negocios existentes na contorna.

0.13052988052368