A Plataforma do Barrio da Residencia denuncia danos de xabaríns no xardín da Fonte dos Ranchos

LugoXa
A entidade veciñal alerta dos riscos para a seguridade viaria e cidadá e reclama medidas urxentes á Xunta e ao Concello
xabarís-destrozan-o-xardín-da-Fonte-dos-Ranchos
7 Aug 2026

A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia denunciou os danos causados por un grupo de xabaríns no xardín da Fonte dos Ranchos durante a madrugada do 4 ao 5 de agosto. Segundo explica a entidade, os animais levantaron e deterioraron amplas zonas de céspede, afectando a un espazo de uso habitual para a veciñanza.

Desde a plataforma sinalan que a zona afectada está situada xunto a dúas das principais vías de entrada e saída da cidade, polo que consideran que a presenza destes animais supón un risco para a circulación e pode favorecer a aparición de accidentes de tráfico.

A entidade veciñal considera que a situación é consecuencia da falta de actuación das administracións ante unha problemática que, segundo aseguran, se repite con frecuencia en distintos puntos da cidade. Neste sentido, advirten de que a presenza de xabaríns e das súas crías en áreas urbanas pode representar un perigo para a seguridade cidadá, especialmente en encontros con persoas que pasean coas súas mascotas.

Ademais, alertan do posible risco sanitario derivado da convivencia destes animais salvaxes con espazos de uso público. Como exemplo, lembran que a zona afectada foi utilizada o pasado 22 de xuño para a celebración dunha festa infantil, polo que consideran necesario extremar as precaucións e evitar que os xabaríns accedan a áreas frecuentadas pola poboación.

A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia reclamou á Xunta de Galicia, administración competente nesta materia, que adopte medidas urxentes en coordinación co Concello de Lugo para evitar novos incidentes e garantir a seguridade da cidadanía.

0.12085700035095