A Plataforma do Barrio da Residencia reclama repintar as prazas PMR e os pasos de peóns xunto ao CIS

LugoXa
Os veciños alertan do deterioro da sinalización horizontal e piden actuacións para mellorar a seguridade e accesibilidade na contorna do Centro Integral de Saúde
mala-sinalización-das-prazas-de-aparcamento-invalidos-Lugo
30 Sep 2026

A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia reclama actuacións urxentes para mellorar o mantemento da sinalización horizontal das prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR) na contorna do Centro Integral de Saúde (CIS).

A plataforma veciñal denuncia a falta de mantemento destas prazas e lembra que a súa sinalización debe cumprir as condicións establecidas na Orde TMA/851/2021, que desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados.

Segundo sinala a organización, o espazo completo das prazas reservadas debe contar cun fondo azul uniforme, preferiblemente azul Pantone 294, de maneira que poidan identificarse con claridade desde a distancia. O deterioro da pintura, advirte, provoca que algunhas destas prazas deixasen de ser facilmente visibles tanto para as persoas que as necesitan como para o resto de condutores.

A plataforma pon como exemplo a praza situada na intersección entre a rúa Bidueiro e a rúa do Sabugo, nas proximidades do CIS, cuxo estado considera representativo da falta de mantemento deste tipo de sinalización.

A reclamación esténdese tamén aos pasos de peóns. Desde a Plataforma Veciñal Barrio da Residencia denuncian a ausencia de repintado en diferentes pasos de peóns do barrio e alertan de que o deterioro destas marcas viarias supón un risco para as persoas que se desprazan a pé pola zona.

A organización veciñal considera que o repintado e mantemento da sinalización horizontal permitiría mellorar de forma significativa as condicións do espazo público e favorecer unha mobilidade máis segura e cómoda tanto para os residentes como para as persoas que acoden diariamente ao CIS.

0.14916110038757