A Plataforma en Defensa da Sanidade e a Federación Veciñal reclaman máis medios de urxencias e especialistas para Lugo

LugoXa
Denuncian a falta de UVIs móbiles, a ausencia de neuro radiólogo intervencionista no HULA e esperas de máis dun ano en Oftalmoloxía
HULA-hospital-Lugo-portada
8 Aug 2026

A Plataforma en Defensa da Sanidade e das Especialidades do HULA e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti expresaron a súa preocupación polo que consideran un deterioro continuado da atención sanitaria urxente e especializada na provincia. Ambas entidades advirten de que esta situación afecta directamente á seguridade, á saúde e á calidade asistencial da cidadanía lucense.

Entre as principais demandas figura o incremento do número de UVIs móbiles dispoñibles na provincia. As entidades sinalan que a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación fan necesario reforzar os recursos de emerxencias para garantir unha resposta rápida e eficaz ante situacións de risco vital. Segundo denuncian, en numerosas zonas os tempos de resposta superan os recomendados e a falta de unidades medicalizadas obriga a realizar desprazamentos que poden comprometer a atención aos pacientes.

Outro dos puntos que consideran prioritarios é a creación dunha praza estable de neuro radiólogo intervencionista no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). A plataforma lembra que os pacientes que sofren un ictus e precisan tratamentos como a trombectomía mecánica deben ser trasladados á Coruña, o que implica percorrer máis de cen quilómetros nunha patoloxía na que cada minuto resulta determinante. Por este motivo, reclaman tamén os recursos humanos e materiais necesarios para que este servizo poida funcionar as 24 horas do día durante todo o ano.

As organizacións tamén alertan da situación do servizo de Oftalmoloxía, onde aseguran que as demoras para unha primeira consulta superan actualmente o ano. Consideran que estes prazos resultan inasumibles para pacientes de todas as idades e advirten de que a falta dun diagnóstico precoz pode derivar en problemas visuais graves e incluso irreversibles. Ao seu xuízo, a escaseza de profesionais e a insuficiente planificación están a provocar un aumento constante das listas de espera.

A Plataforma en Defensa da Sanidade e a Federación Lucus Augusti subliñan que estas reivindicacións non son novas e responden a necesidades que levan anos trasladando ás administracións. Por iso, instan á Consellería de Sanidade a adoptar medidas urxentes para mellorar os servizos sanitarios na provincia e garantir unha atención en igualdade de condicións co resto de Galicia. Ademais, anuncian que continuarán mobilizándose para reclamar solucións e defender unha sanidade pública que responda ás necesidades reais da poboación.

0.11963486671448