A Plataforma sanitaria e veciñal de Lugo rexeita o novo sistema do Sergas ligado ás baixas médicas

LugoXa
As entidades critican que os incentivos económicos aos profesionais poden afectar ao criterio clínico e deteriorar a sanidade pública
hula-hospital-lugo
1 Jun 2026

A Plataforma en Defensa da Sanidade e Especialidades do HULA e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti manifestaron o seu rexeitamento ao novo sistema anunciado polo Sergas que vincula incentivos económicos á duración das baixas laborais emitidas polos profesionais sanitarios.

As entidades consideran que a medida é perigosa, inxusta e prexudicial para a sanidade pública, ao entender que xera un conflito de intereses incompatible coa práctica clínica, xa que podería condicionar as decisións médicas a parámetros alleos ao criterio profesional e romper a confianza médico-paciente.

Tamén critican que supón unha falta de respecto cara ao labor dos profesionais sanitarios, que xa soportan sobrecarga asistencial, precariedade laboral e falta de recursos, e alertan de que este tipo de mecanismos poden poñer en dúbida a súa capacidade de valoración clínica.

Outro dos puntos sinalados pola plataforma é que esta medida podería abrir a porta a unha privatización encuberta, ao deteriorar a confianza no sistema público e favorecer a derivación progresiva cara á sanidade privada ou concertada.

As organizacións denuncian ademais que o novo sistema non aborda os principais problemas da sanidade galega, como a saturación dos PAC, a falta de persoal, a ausencia de SVAE en Lugo, as listas de espera crecente, o déficit de especialistas no HULA e o esgotamento dos profesionais.

Por todo iso, esixen a retirada inmediata do indicador de produtividade ligado ás baixas médicas, o respecto absoluto ao criterio clínico dos profesionais, medidas reais para reforzar a Atención Primaria e o Hospital Universitario Lucus Augusti, así como máis recursos para a provincia de Lugo. Tamén reclaman que a Xunta aclare con transparencia o obxectivo da medida.

As entidades conclúen que a saúde das persoas non pode depender de indicadores económicos e defenden que a sanidade pública só se sostén con confianza, recursos e respecto aos profesionais.

0.091597080230713