A Plataforma Ulloa Viva celebra o arquivo definitivo do proxecto de Altri, pero mantén a cautela ante un posible recurso

GaliciaXa | LugoXa
A Xunta considera inviables as alegacións presentadas por Greenfiber e pecha o expediente, mentres a plataforma reclama o enterramento definitivo da macrocelulosa
proxecto-Altri-Palas-de-Rei
10 Jul 2026

A Plataforma Ulloa Viva celebrou a decisión da Xunta de Galicia de desestimar as alegacións presentadas por Greenfiber e arquivar de maneira "definitiva e firme" o expediente do proxecto da macrocelulosa promovida por Altri en Palas de Rei. A entidade considera que se trata dun paso importante tras case catro anos de mobilización social, aínda que advirte de que manterá a prudencia mentres exista a posibilidade de que a empresa recorra a resolución.

A decisión foi anunciada pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quen explicou que a Administración autonómica considera que as alegacións presentadas pola empresa son "inadecuadas e insuficientes" para continuar coa tramitación. Segundo indicou, a Xunta conclúe que o proxecto resulta inviable nas condicións actuais, polo que resolve o arquivo do expediente, aínda que, como ocorre con calquera resolución administrativa, a empresa poderá presentar recurso.

O procedemento para arquivar o proxecto iniciouse no mes de febreiro, despois de que a subestación eléctrica necesaria para abastecer a factoría quedase fóra da planificación da rede elaborada polo Goberno central. A empresa dispuxo de tres meses para formular alegacións e propoñer unha alternativa de conexión eléctrica, documentación que presentou nos últimos días do prazo pero que finalmente foi rexeitada pola Xunta.

Desde Ulloa Viva manifestan a súa satisfacción polo anuncio, pero subliñan que o equipo xurídico da plataforma xa está a analizar o contido da resolución para adaptar a estratexia legal que manteñen aberta contra a implantación da planta. Lembran que Greenfiber dispón dun prazo dun mes para presentar un recurso contencioso-administrativo, polo que consideran prematuro dar por pechada definitivamente esta cuestión.

A plataforma tamén lamenta que a Xunta fundamentase o arquivo na falta de subministración eléctrica e non noutros aspectos que, ao seu xuízo, fan inviable a iniciativa. Neste sentido, sostén que a macrocelulosa nunca contou con licenza social e lembra as numerosas mobilizacións cidadás celebradas en Galicia baixo o lema "Altri Non", nas que milleiros de persoas expresaron o seu rexeitamento ao proxecto.

Segundo Ulloa Viva, o anuncio coñecido este venres demostra que a mobilización da veciñanza da Ulloa, do Deza, da Terra de Melide, de Arzúa e da contorna da ría de Arousa conseguiu frear unha iniciativa que consideran prexudicial para o territorio e para o modo de vida da comarca.

Con todo, a plataforma asegura que continuará vixiante ante os próximos pasos que poida dar a empresa e insiste en reclamar á Xunta que denegue definitivamente o proxecto, ao entender que é incompatible coa protección do territorio. Ademais, insta a Altri a desistir da iniciativa e advirte de que continuará defendendo o medio rural "ata as últimas consecuencias".

0.12507200241089