A Policía Local de Lugo recibe tres novos coches patrulla híbridos
A Policía Local de Lugo vén de aumentar a súa frota de vehículos coa incorporación de tres vehículos patrulla. Trátase de tres radios patrullas Toyota Prius Plus híbrido, automáticos, con kit de detidos e equipados con panel despregable na ponte con mensaxes de emerxencia e con tablet de acceso á base de datos e á xestión de multas.
A alcaldesa de Lugo destacou que estas adquisicións se enmarcan "nas renovacións necesarias da frota da Policía Local, que estamos a desenvolver seguindo co modelo de cidade verde e sostible no que traballamos, con vehículos ecolóxicos e híbridos". Ademais, dixo, cos novos vehículos, os axentes disporán "de mellores ferramentas para desenvolver con maior seguridade o seu labor".
Coa incorporación destes tres vehículos, a Policía Local de Lugo conta actualmente con seis radio patrullas con kit de detidos -tres de eles híbridos-, un suv híbrido, dous todoterreos, un coche camuflado , seis motocicletas e un vehículo de aluguer. Está previsto que este ano tamén se incorpore á súa frota de vehículos un furgón de atestados.