A Ponte celebra as festas de San Lázaro cun amplo programa musical do 19 ao 22 de marzo

O barrio da Ponte, en Lugo, volverá vestirse de festa para celebrar San Lázaro entre os días 19 e 22 de marzo, cun programa que combina música en directo, sesións vermú, orquestras e propostas para todos os públicos.
A programación arrancará o xoves 19 ás 12:30 horas cunha ruta de vermús polos bares do barrio acompañada pola Charanga Bamboleo, que levará a animación polas rúas da zona.
O venres 20 será unha das xornadas centrais das festas. Ás 21:30 horas terá lugar o pregón, que correrá a cargo de Susana Saqués. A continuación, o Bar Fénix servirá unha churrascada popular antes de dar paso á verbena nocturna coa Orquesta Saudade e JJ Compota, que ofrecerá unha sesión de reggaetón e electrolatino.
O sábado 21 a actividade comezará ás 14:00 horas cunha sesión vermú amenizada por La Hora Bruja. Pola tarde, ás 17:30 horas, abrirán os carruseis para os máis pequenos, mentres que a noite estará protagonizada pola Orquesta Cinema e DJ Sonic, que actuarán a partir das 23:00 horas.
As festas pecharanse o domingo 22 cunha nova sesión vermú ás 14:00 horas, nesta ocasión co Dúo Eclipse. Xa pola tarde, ás 17:30 horas, o Grupo Beatriz porá o broche final ás celebracións cunha actuación especial de fin de festa.
A programación conta coa colaboración do Concello de Lugo e da Xunta de Galicia, consolidando unha cita que cada ano reúne a veciñanza e visitantes nun ambiente de convivencia e celebración.