A líder do BNG, Ana Pontón, pídelle a Rueda que desautorice una posible moción de censura en Lugo

LugoXa
O acordo entre PP e a concelleira non adscrita María Reigosa podería rexistrarse en pouco tempo, mentres PSOE e BNG critican a operación
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
20 Apr 2026

A estabilidade do goberno municipal de Lugo, formado por PSOE e BNG desde 2023, semella estar en serio risco cando aínda falta un ano para as eleccións locais. A situación política no Concello mudou nos últimos meses tras varios acontecementos que alteraron a composición da corporación, entre eles tres falecementos nas filas socialistas e a incorporación de María Reigosa, que posteriormente decidiu abandonar o grupo e pasar a ser concelleira non adscrita.

Neste contexto, os contactos entre Reigosa e o Partido Popular foron intensificándose ata o punto de que ambas partes terían xa pechado un acordo coa vista posta nunha moción de censura. A operación permitiríalles facerse co goberno municipal e todo indica que as trece sinaturas necesarias para impulsala poderían rexistrarse ao longo desta mesma semana.

Reigosa accedeu ao Concello en outubro, tras a saída da alcaldesa Lara Méndez cara ao Parlamento galego e os falecementos de Paula Alvarellos e Pablo Permuy, circunstancias que provocaron o avance da lista electoral socialista. Porén, a súa integración no grupo nunca chegou a consolidarse e foi afastándose progresivamente, ao tempo que a súa proximidade co PP se facía cada vez máis evidente. En marzo, a súa decisión de abandonar o executivo deixou ao goberno local en minoría.

Desde o PSOE de Lugo reaccionaron con contundencia, reivindicando o apoio ao seu proxecto político e asegurando que segue a ser a única forza que medra en representación segundo as últimas enquisas, pasando de oito a nove concelleiros. Os socialistas critican duramente a actitude da oposición, á que acusan de centrarse en promover mocións de censura en lugar de ofrecer solucións á cidadanía. Neste sentido, subliñan que o actual executivo continúa a avanzar en cuestións clave para a cidade, como o investimento de nove millóns de euros na nova comisaría, o impulso definitivo á estación intermodal e a mellora das frecuencias e horarios ferroviarios.

Pola súa banda, desde o BNG tamén amosan o seu rexeitamento á operación. A súa portavoz, Olalla Rodil, denuncia que o PP pretende aproveitar unha situación marcada polo falecemento de dúas persoas vinculadas ao goberno municipal para impulsar unha moción de censura apoiándose nunha concelleira tránsfuga.

Tamén, Ana Pontón dirixiuse ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para pedirlle que desautorice de inmediato unha posible moción de censura no Concello de Lugo, que podería rexistrarse nas próximas horas. A portavoz nacional do BNG cualificou esta hipótese de inmoral e de indecente desde o punto de vista político, ao considerar que se estaría a empregar unha situación especialmente delicada para alterar o goberno municipal.

Pontón criticou que, segundo sinala, o Partido Popular estaría disposto a aproveitar o falecemento de dúas concelleiras e a situación dunha tránsfuga procedente do Partido Socialista para tentar acceder á alcaldía de Lugo a través de acordos pechados fóra das urnas. Nese sentido, insistiu en que en política non vale todo e en que debe respectarse o resultado electoral que saíu das eleccións municipais.

A líder nacionalista pediu a Rueda que interveña para frear esta iniciativa, ao entender que suporía unha falta de respecto á vontade democrática expresada pola cidadanía e unha manobra baseada en pactos que cualifica de escuros e afastados do control público.

Pontón concluíu reclamando a paralización inmediata dunha proposta que considera impropia desde o punto de vista político e moral, ao insistir en que non se debe empregar unha situación destas características para modificar o equilibrio institucional no Concello de Lugo.

Así, o escenario político en Lugo entra nun momento de máxima tensión, cun posible cambio de goberno que podería materializarse en cuestión de días.

MOVEMENTO SUMAR GALICIA

Movemento Sumar Galicia vén de criticar a operación política en marcha no Concello de Lugo para impulsar unha posible moción de censura, ao considerar que non responde ao interese xeral da cidadanía, senón a unha estratexia do Partido Popular para modificar a vontade expresada nas urnas.

A organización política pon o foco nas declaracións da concelleira exsocialista María Reigosa, quen cualificou esta posible moción como “unha grande oportunidade”. Para Movemento Sumar Galicia, estas palabras confirman un movemento que, ao seu xuízo, xa non pode ser interpretado doutro xeito que como un caso de transfuguismo político.

A formación lembra ademais que este tipo de prácticas contraveñen o espírito do pacto antitransfuguismo, que aseguran é ignorado de forma recorrente polo Partido Popular cando lle resulta conveniente para acceder ao poder. Neste sentido, acusan directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de participar dunha estratexia baseada en “repartir cheques e comprar vontades” co obxectivo de alterar maiorías saídas das eleccións.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, afirma que o que está a suceder en Lugo “é un exemplo claro de como o PP entende a democracia: cando non gaña nas urnas, tenta facelo nos despachos mediante presións e operacións escuras”. Engade tamén que non se pode permitir que “unha tránsfuga condicione o futuro dunha cidade enteira ao servizo dun partido sen respaldo suficiente da cidadanía”.

A organización advirte de que un cambio de goberno a través deste tipo de manobras non achegaría solucións aos problemas da cidade, senón que suporía un retroceso democrático e político. “Que goberne o PP non é unha oportunidade, é unha traxedia para a maioría social”, conclúe López, quen chama a defender a vontade popular fronte a calquera intento de alteración mediante prácticas alleas á ética democrática.

0.10068988800049