A poxa de Adai pecha 2025 cunha das mellores vendas da súa historia en O Corgo

LugoXa | TerraChaXa
A subasta de Rubia Galega organizada por ACRUGA acadou prezos récord e contou cunha ampla participación do sector
xovenca-da-Granxa-Gayoso-na-poxa-de-Adai
17 Dec 2025

O mercado gandeiro de Adai, no concello do Corgo, puxo o broche de ouro ás subastas de ACRUGA deste 2025 cunha poxa que se saldou coa venda da totalidade dos 22 animais presentados, unha participación de 72 gandeiros e gandeiras de toda Galicia e un dos prezos medios máis altos da súa historia, próximo aos 4.000 euros.

Os resultados superaron incluso as previsións avanzadas días antes polo presidente de ACRUGA, César Dorado, quen xa apuntaba á suba do prezo da carne e ao crecente interese pola raza Rubia Galega como factores clave dunha xornada que finalmente excedeu os mellores prognósticos.

As 18 xovencas preñadas, das que 17 procedían do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, partiron cun prezo de saída de 2.800 euros. Só unha se vendeu por esa cantidade, mentres que nove superaron os 4.000 euros e a máis cotizada acadou os 6.200 euros. Estas cifras permitiron acadar un prezo medio de 4.022 euros, o máis elevado das 15 poxas celebradas ao longo do ano, por riba doutras citas destacadas como a de Adai en xuño, con 3.933 euros de media, ou a de Perafita do Cebreiro en abril, con 3.640 euros. A subasta, moi agardada polo sector, tivera que ser aprazada no mes de outubro debido á enfermidade da dermatosis nodular.

No caso dos machos, aínda que con cotizacións lixeiramente inferiores ás das xovencas, tamén se rexistraron prezos elevados. Os tres exemplares procedentes da nave de testaxe de ACRUGA e dun gandeiro particular saíron cun prezo inicial de 2.500 euros e acadaron finalmente un prezo medio de 3.800 euros. Desde a asociación destacan que o feito de tratarse da última subasta do ano, o incremento do prezo da carne, a alta calidade xenética dos animais e a cualificación de “moi boa” dos 22 exemplares no Libro Xenealóxico foron determinantes para o éxito da poxa, xunto coas axudas á compra ofrecidas por Caixa Rural Galega.

No marco desta xornada, unha xovenca da Granxa Gayoso Castro bateu récord ao acadar os 6.200 euros, a cifra máis alta rexistrada este ano nas vendas de gando vacún nas que participou a Deputación de Lugo. A institución provincial vendeu nesta cita un total de 17 exemplares de Raza Rubia Galega, inscritos e avaliados dentro do programa de mellora xenética que desenvolve ACRUGA, procedentes dun rabaño seleccionado polo seu valor morfolóxico, produtivo e reprodutivo, garantindo así a calidade e a trazabilidade dos animais postos á venda. O prezo medio destas vendas situouse nos 3.952 euros, partindo tamén dun prezo de saída de 2.800 euros por exemplar.

A CIV Subasta de gando vacún selecto contou ademais coa participación da subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, que asistiu ao evento celebrado no Recinto Feiral de Adai. Durante o acto, puxo en valor o papel estratéxico do sector gandeiro na provincia, destacando a importancia de manter este tipo de citas que consolidan a Rubia Galega como referente de calidade, sustentabilidade e fixación de poboación no rural. Olimpia López subliñou igualmente o apoio do Goberno de España ás explotacións gandeiras, á mellora xenética da raza e á modernización do sector primario, reiterando a colaboración da Subdelegación do Goberno con entidades como ACRUGA, fundamentais para o desenvolvemento económico, social e territorial do rural galego.

⚙ Configurar cookies
0.084632873535156