A Praza da Milagrosa, do Castiñeiro e a Anxo Fernández Gómez acollerán diversas actividades

LugoXa
Durante os meses de marzo, abril e maio, o programa lúdico-deportivo do Concello de Lugo fomentará a práctica deportiva e a adopción de hábitos de vida saudables
praza-milagrosa-lugo
18 Mar 2025

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude, pon en marcha unha nova proposta dentro do programa +XTi, co obxectivo de promover un lecer activo e saudable entre a mocidade lucense.

Durante os meses de marzo, abril e maio, diferentes prazas da cidade acollerán un programa lúdico-deportivo dirixido a rapaces e rapazas de entre 10 e 16 anos, que busca fomentar a práctica deportiva e a adopción de hábitos de vida saudables.

O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, explicou que "seguimos apostando por propostas que fomenten hábitos saudables entre a nosa mocidade, por iso animamos a todos os rapaces e rapazas a participar e a aproveitar esta oportunidade para desfrutar do deporte e da convivencia en espazos seguros".

A actividade desenvolverase en tres barrios da cidade ao longo de tres meses, todos os sábados pola mañá, en horario de 11.00 a 14.00 horas.

Así, na Praza da Milagrosa, as actividades desenvolveranse os días 29 de marzo, 5 e 12 de abril; mentres, na Praza do Castiñeiro serán os días 26 de abril e 3 de maio; e, finalmente, na Praza Anxo Fernández Gómez serán os días 10, 17 e 24 de maio.

O programa inclúe diversas actividades, como baloncesto, xogos de habilidade, xincanas deportivas, competicións, circuítos, música, agasallos para os participantes e animación. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de compartir momentos cos xogadores do Club Baloncesto Breogán, referentes no deporte local.

A actividade estará dirixida por persoal especializado e monitores titulados, garantindo un espazo seguro e dinámico onde a mocidade poida gozar dun tempo de lecer saudable. A participación é totalmente gratuíta, e as inscricións realizaranse cada día no propio espazo de celebración, seguindo unha orde de chegada até completar as 40 prazas dispoñibles por xornada.

Na edición anterior, esta iniciativa contou coa participación de máis de 400 rapaces e rapazas, consolidándose como unha proposta exitosa e con gran demanda. Esta actividade enmárcase no proxecto +XTÍ 2025, organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo e financiado polo Concello de Lugo e o Plan Nacional sobre Drogas.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web lugomasxti.org ou contactar a través do teléfono 982 297 498.

⚙ Configurar cookies
0.50610494613647