A Praza de Abastos acollerá o primeiro Mercado de Nadal de Entre a Néboa

LugoXa
O evento celebrarase o sábado 3 de xaneiro e combinará postos de artesanía, produtos locais e obradoiros para todos os públicos
Mercado-de-Nadal-Entre-a-Néboa
30 Dec 2025

O vindeiro sábado, 3 de xaneiro, a Praza de Abastos de Lugo será o escenario do I Mercado de Nadal organizado pola Asociación Cultural Entre a Néboa, que abrirá as súas portas de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A iniciativa nace co propósito de impulsar o comercio local e dar visibilidade ao traballo de artesáns e creadores da cidade e da provincia.

Durante a xornada desenvolveranse dous obradoiros. Ás 17:00, a Mesa do Breogán ofrecerá unha introdución aos xogos de rol, mentres que ás 19:00, Branca Villares centrará a súa actividade nas cantigas e tradicións de Nadal en Lugo, animando ao público a conectar co patrimonio festivo galego e transmitilo ás novas xeracións.

O mercado contará con máis dunha ducia de postos. Entre eles destacan os pendentes con motivos de castañas e cogomelos feitos a man por Sabela, de Bereda Arte, así como as creacións en liño e traxes tradicionais de Chelo López, de Tecelana, quen homenaxea ás mulleres que elaboraban prendas artesanais para a vida cotiá e as celebracións. Artesanías Alba presentará traballos en calceta e coiro e ofrecerá cursos de ganchillo, pintura téxtil e macramé. Ademais, Eloi dos Freiría, Lito e Labores Carmen, esta última procedente de Palas de Rei, exhibirán cestería e artigos temáticos de Nadal.

O recinto tamén acollerá as propostas de Multiverso Rubenix, con xoguetes artesanais, e do Rincón de Paula, que percorrerá unha hora en coche para traer as súas manualidades. Os visitantes poderán mercar produtos comestibles, como o mel do Cebreiro, e interactuar con entidades locais como Mádia Leva, Adega ou Pelitos&Bigotes, proxectos centrados en sensibilización social, medioambiental e protección animal.

O mercado conta coa colaboración da Área de Participación e Servizo á Veciñanza do Concello de Lugo e da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Dende Entre a Néboa amósanse ilusionados coa iniciativa e agardan que sexa un plan atractivo para quen queira apoiar os produtos locais e mergullarse nas tradicións galegas. Ademais, confían en que nas vindeiras edicións o mercado se consolide como unha cita habitual do Nadal luguesa.

⚙ Configurar cookies
0.093682050704956