A Praza do Castiñeiro acollerá en xullo unha actividade gratuíta para achegar o xadrez á cidadanía

A Concellería de Educación desenvolverá durante o mes de xullo na Praza do Castiñeiro a actividade “Viaxe pola historia do xadrez”, unha proposta gratuíta e aberta á participación da cidadanía que forma parte do programa municipal Xadrez Infantil.
A iniciativa levarase a cabo entre os días 1 e 15 de xullo, de luns a venres, en horario de 18:00 a 20:00 horas. O obxectivo desta proposta é ampliar a oferta de actividades deportivas, educativas e de lecer nos espazos públicos da cidade, ao tempo que se facilita a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños de Lugo. A organización indica que, no caso de condicións meteorolóxicas adversas ou choiva, a actividade quedará suspendida.
Ao longo destas xornadas instalarase un xadrez xigante xunto con varios taboleiros convencionais para que as persoas asistentes poidan xogar, practicar ou dar os primeiros pasos neste deporte. As persoas que xa teñan coñecementos previos poderán compartir partidas ao aire libre, mentres que aquelas que nunca xogaran terán a oportunidade de iniciarse dunha maneira sinxela, dinámica e participativa.
A participación será libre, gratuíta e sen necesidade de realizar inscrición previa. A proposta está aberta a todos os públicos, aínda que se dirixe especialmente á infancia e ás familias.
O programa Xadrez Infantil, promovido pola Concellería de Educación, busca fomentar a práctica deste deporte na cidade, especialmente entre a poboación máis nova, entendéndoo como unha actividade que combina aprendizaxe, xogo, cultura e práctica deportiva.
Desde a organización destacan que o xadrez contribúe ao desenvolvemento de capacidades como a concentración, a memoria, a planificación e a resolución de problemas. Cada partida supón un exercicio de observación, análise e toma de decisións que favorece o desenvolvemento do pensamento lóxico e creativo.
Ademais dos beneficios cognitivos, a práctica deste deporte tamén axuda a potenciar valores como a paciencia, o respecto, a responsabilidade, a perseveranza e o xogo limpo. A aprendizaxe para asumir vitorias, derrotas e erros convértese tamén nunha ferramenta útil para reforzar habilidades sociais e emocionais que resultan aplicables ao día a día.
Con esta iniciativa, a Concellería de Educación continúa apostando por actividades abertas, participativas e gratuítas destinadas ao conxunto da cidadanía.