A presentación de 'Orixe' de Airiños de Orbazai foi todo un éxito

Este sábado, 1 de febreiro, o colectivo Airiños de Orbazai levou a cabo un concerto moi especial no novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo para presentar o seu novo disco, Orixe.
Desde a agrupación destacan que o evento foi un auténtico éxito, co auditorio completamente cheo e moita xente que non puido acceder ao recinto, xa que se esgotaron as entradas con antelación, formándose longas colas desde as 19:00 horas, unha hora antes do inicio do concerto.
"O evento foi espectacular, o auditorio estaba a reventar e houbo xente que tivo que marchar sen poder entrar. Foi moi emotivo e emocional, co público entregado desde o minuto 1. Un verdadeiro éxito no que respecta á música e cultura tradicional. Sentímonos moi orgullosos de ser a primeira agrupación de música tradicional en estrear o Auditorio Fuxan os Ventos", explicou Javier Pajón, un dos membros do grupo.
O concerto, de dúas horas de duración, non só ofreció a oportunidade de escoitar os 10 temas que conforman o disco Orixe, senón que tamén foi unha celebración da traxectoria do grupo. Durante a actuación, proxectáronse varios vídeos de agradecementos dos profesores que pasaron pola agrupación desde o seu inicio, como Bruno Villamor, Pepe Vaamonde, Brais Monxardín, e Vadim Yukhnevich, así como de amigos cercanos como Abraham Cupeiro e Mero de Fuxan os Ventos. Ademais, as colaboracións de Pepiño de Os Meliados e Pilocha, entre outros, enriqueciron aínda máis a noite, que tamén contou coa actuación de José, un gaiteiro de máis de 80 anos de Cervantes, e os bailes de Samuel e Miguel Carballo.
En total, unhas 900 persoas desfrutaron desta xornada única, unha noite que foi tanto un homenaxe á música tradicional como un recordatorio do gran apoio que ten Airiños de Orbazai na comunidade. "En definitiva, foi unha noite espectacular e emotiva tanto para os 50 compoñentes de Airiños de Orbazai como para as 900 persoas que encheron o auditorio", concluiu Pajón.