A prisión de Monterroso aposta polo teatro como ferramenta de reinserción

LugoXa
O centro vén de recibir o apoio da Deputación para poñer en marcha o proxecto 'Saír, por un intre', co que tratar o abandono das drogas
centro penitenciario monterroso
4 Mar 2021

O Centro Penitenciario de Monterroso vén de recibir o apoio da Deputación de Lugo para a posta en marcha do proxecto 'Saír, por un intre', un obradoiro de teatro que promove a Unidade Terapéutica e Educativa (UTE) da prisión co fin de traballar cos internos o abandono do consumo de drogas.

Desenvolvido pola Asociación Aliad-Ultreia, 'Saír, por un intre' comezou a programarse no ano 2016, con moi boa acollida tanto das persoas internas como do equipo terapéutico. Despois de catro anos de actividade voluntaria, a continuidade do proxecto requiría do financiamento que agora achega o ente provincial.

O obradoiro, que se desenvolverá de outubro a xaneiro, dúas horas á semana, xirará entorno ao xogo e á imaxinación, fomentando unha actitude positiva fronte á adversidade.

A responsable do proxecto, a actriz Cristina Collazo, explicou que "a pretensión non vai máis aló que pasar un momento agradable actuando e vendo actuar, desfrutando das posibilidades que o teatro nos ofrece e somerxéndonos en nós mesmas para abrirnos aos demais. Cadaquén poderá elixir a función que quere realizar, dende interpretar, realizar traballos técnicos ou de atrezzo ata dirixir".

Na actividade, participarán profesionais doutras disciplinas, como a música -coa participación do trompetista e compositor Manuel Paino- ou os títeres -da man do titiriteiro e actor Anxo García- para que a montaxe "fique o máis completa posible, tecendo así unha rede cultural e interdisciplinar".

Está prevista tamén unha presentación final do espectáculo, no salón teatro do centro penitenciario, á que acudirán os familiares dos internos.

A vicepresidenta da Deputación valorou moi positivamente este proxecto do centro monterrosino, que “dá a oportunidade de incrementar o acceso á cultura para a poboación reclusa, con todo o que iso aporta ao desenvolvemento integral da persoa". Ademais explicou que o apoio que a Deputación vén de dar a esta iniciativa responde "ao compromiso que cremos que as administracións públicas debemos ter coas persoas internas xa que, non debemos esquecer, que a finalidade das penas de privación de liberdade é reinserción e a reeducación".


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18278312683105