A provincia prepara o Nadal rebaixando as cifras de contaxios agás en Xermade

TerraChaXa | LugoXa
A provincia de Lugo continúa co seu proceso de desenso pausado dos casos activos de coronavirus.
covid 19 (6)
23 Dec 2020

A provincia de Lugo continúa co seu proceso de desenso pausado dos casos activos de coronavirus. Hoxe hai cinco menos que onte e xa está a cifra situada en 356, condicionada polos 26 novos positivos (onte foron 14) nas últimas 24 horas e 29 altas (onte foron 24). Ademais hai tamén un acumulado de infectados de 6.841 e 6.339 curados. Tamén hai que lamentar outro falecemento, o que sitúa en 144 as vítimas mortais dende que comezou a pandemia aínda que dous veciños de Lugo morreron en hospitais doutras áreas e non computan en Lugo. A vítima era unha muller de 95 anos que estaba ingresada no Hula.

A hospitalización redúcese considerablemente con respecto a onte con cinco persoas menos aínda que se mantén a UCI con 4 pacientes. En planta hai 9, 7 no Hula (tres menos), 1 na Mariña (dous menos) e 1 en Monforte (os mesmos de onte).

Por concellos, Vilalba rebaixa ata os 19 contaxios novos nos últimos 14 días, cando onte eran 29, mentres Cospeito volve a baixar dos dez casos novos na última quincena. Xermade, aqueixado dun gromo que vén dos centros educativos chega aos 13 casos nos últimos 15 días.

Pola contra, só Begonte e Pol non rexistraron ningún positivo nos últimos 14 días.

Nova rebaixa de casos nas Pontes, con 100 contaxios nos últimos quince días, dez menos que os rexistrados onte e xa con cinco días á baixa.

As Pontes continúa en alerta máxima con peche permiteral e da hostalaría a partir das 17.00 horas, así como 50% de aforo no exterior con agrupacións dun máximo de 4 persoas. A norma cambiou para Vilalba relaxando as medidas para a hostalaría.

PLAN NADAL

As novas normas que haberá este Nadal, son as seguintes:

  • Entre as 00:00 horas do día 23 de decembro e as 23:00 horas do día 25, permitirase a mobilidade de persoas con motivos das visitas familiares, incluso naqueles concellos que se atopan perimetrados.
  • Esta mobilidade adicional tamén será extensiva para aquelas persoas que visiten a comunidade durante estas datas, e polo mesmo motivo.
  • Ampliación da mobilidade nocturna na xornada de Noiteboa pois, nesa data, o retorno aos domicilios poderá ampliarse até as 1:30 horas.
  • Recoméndase que as xuntanzas familiares se integren unicamente por persoas que pertenzan á mesma unidade familiar, sendo esta unha modalidade na que non existiría límite no número de persoas.
  • Cando se cingan a un máximo de dúas unidades familiares, hai un límite de 10 persoas.
  • Na terceira opción proposta pola Xunta, en xuntanzas compostas por máis de dúas unidades familiares, non se debe exceder a cifra de 6 persoas adultas, e un máximo que 4 nenos con idade non superior aos 10 anos.

DENUNCIAS

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante a fin de semana dispositivos na provincia de Lugo no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron inspeccións, nas que se rexistraron identificacións e se formularon seis denuncias.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 18 e o 20 de decembro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Os operativos leváronse a cabo nos municipios de Burela, Chantada, Cospeito, Friol, Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro e Xove.

En toda Galicia, os axentes actuaron nun total de 43 concellos, sumando 226 persoas identificadas e 65 denuncias tramitadas.
Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.

0.16354894638062