A punto de comezar a instalación de 350 puntos de luz en varias parroquias de Mondoñedo
A renovación das infraestruturas e dos servizos públicos é unha condición indispensable para a mellora da calidade de vida dos veciños. Esa renovación ten que facerse baixo a premisa da eficiencia, do aforro enerxético e da redución da contaminación nas súas distintas vertentes. Iso é o que se vai conseguir coa renovación dos alumeados públicos exteriores nas parroquias mindonienses de Masma, Santa María Maior e Os Remedios. Esta iniciativa forma parte dun proxecto compartido cos concellos de Trabada e Riotorto para a mellora da eficiencia enerxética, cuxa execución está subvencionada polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica. Os traballos nas citadas parroquias de Mondoñedo comezarán na próxima semana, segundo as previsións da alcaldesa, Elena Candia.
O proxecto a executar en Mondoñedo supón a instalación de 350 puntos de luz, controlados mediante 22 cadros eléctricos.
A presidenta da corporación municipal recorda que o proxecto de mellora do alumeado para as tres parroquias ascende a 95.078 euros. Do importe total, o Concello mindoniense aporta 19.015 euros e a subvención concedida polo IDAE é de 76.062 euros.