A quinta edición do Certame Manuel María de Composicións Musicais celébrase este sábado

LugoXa | TerraChaXa
O pianista Daniel Leiro Castro e a soprano Patricia Rodríguez Rico serán os artistas convidados
Concurso-Manuel-María-de-Composicións-Musicais-Outeiro-de-Rei
28 Oct 2026

O pianista Daniel Leiro Castro e a soprano Patricia Rodríguez Rico serán os intérpretes convidados este sábado, 31 de outubro, ás 17.30 horas, na Gala-Concerto da Vª edición do Concurso Internacional Manuel María de Composicións Musicais. No decorrer do seu concerto, ademais das cinco cancións finalistas, soarán composicións de Marcial del Adalid, Xoán Montes, Eduard Toldrà, Juan Durán e Antón García Abril baseadas en poemas de Fanny Garrido, Aureliano Pereira, Rosalía de Castro, Antonio Noriega Varela, Xosé Neira Vilas e Álvaro de las Casas.

Este certame musical ten ámbito internacional e ven sendo convocado anualmente pola Casa-Museo, estando destinado a premiar a mellor composición realizada sobre un poema de Manuel María. Nesta edición o xurado determinou como finalistas a Marcel Chirilov Chirilov coa canción “Anceio”, David Cuevas Sánchez con "Agora, que gastei os meus outonos"; Julio Montero Rodríguez con “Morte”; e Saúl Aguado de Aza con "Agora, que é o tempo de soñar" e "Bolboreta". Na primeira parte da gala interpretaranse estas cinco cancións e o xurado terá que determinar cal é a canción gañadora desta quinta edición. Mentres que o xurado leva a cabo a súa deliberación, o público poderá desfrutar da interpretación doutras pezas de destacados compositories galegos, comezando por Marcial del Adalid de quen se cumple o centenario do seu nacemento.

Patricia Rodríguez Rico (soprano), titulada en Grao Medio de Piano e Superior na especialidade de Canto Lírico, completou a súa formación académica con tres títulos de Mestrados enfocados ao ámbito docente. Perfeccionou a súa formación vocal cos repertoristas Manuel Burgueras e Malcolm Martineu, e coas mestras Alicia Nafé, Ann Murray e Mariella Devia, entre outras. A súa versatilidade como solista abrangue a ópera, o oratorio e a zarzuela, cooperando tanto na Tempada Lírica da Coruña, como en diversas óperas representadas en San Martiño Pinario, en varias zarzuelas galegas en colaboración coas Bandas Municipais de Coruña e Santiago de Compostela, e tamén en grandes obras sacras como o Requiem de Fauré, A Mortuis Resurgere de Jorge Grundman ou As sete palabras de Cristo na Cruz de Dubois, entre outros. Actualmente compaxina os seus recitais cun sólido labor na docencia vocal, tanto solista como coral.

Daniel Leiro Castro (piano), iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Posteriormente formouse no Centro Superior de Música do País Vasco, especializándose en música de cámara. Ampliou a súa formación nos Países Baixos, onde realizou un Mestrado de Interpretación en Codarts, Universidade para as Artes de Róterdam. Actualmente desenvolve a súa actividade profesional principalmente na música de cámara e a docencia, alén de contar cunha ampla traxectoria como pianista acompañante de coros en España e nos Países Baixos.

Esta Gala-Concerto é de acceso libre e gratuíto até completar o aforo, mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698 177 621.

0.16579103469849