A Real Academia Galega e a Fundación Barrié lanzan a elección da Palabra do Ano 2025

GaliciaXa | LugoXa
O público poderá participar ata decembro nunha iniciativa que converte a rúa Menorca de Lugo no Paseo das Palabras do Ano
Palabra-do-Ano-Real-Academia-Galega-Lugo-2025
11 Nov 2025

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié abriron a campaña para a elección popular da Palabra do Ano 2025, unha iniciativa que busca destacar voces que reflictan a realidade, as preocupacións e os valores da sociedade galega. A presentación tivo lugar no Concello de Lugo, onde a rúa Menorca, coñecida como o Paseo das Palabras do Ano, amosa cada edición as palabras escollidas en anos anteriores.

O proceso de participación permanecerá aberto ata o 1 de decembro na fase de recolla de suxestións, e do 3 ao 21 de decembro terá lugar a votación que decidirá a palabra gañadora. Todo se realizará a través do Portal das Palabras, a web promovida pola RAG e a Fundación Barrié para a difusión do léxico da lingua galega.

O académico Víctor F. Freixanes, encargado de coordinar a campaña, xunto con Diego Rodríguez, responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié, explicaron xunto ao tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e á concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, os detalles da convocatoria.

Freixanes recordou que a elección da Palabra do Ano comezou en 2014 como “unha palabra-crónica” representativa do ano, e destacou a evolución do proxecto cara a palabras que expresan esperanza, actitudes positivas ou humor, como afouteza, tanxugueiras, sentidiño ou cibercarracho, así como voces con carga reivindicativa como irmandade, comadre ou nós. A palabra gañadora en 2024 foi cantareira, reflexo da tradición e a música popular.

Rubén Arroxo subliñou a importancia desta iniciativa para poñer en valor a lingua galega, e destacou que a intervención artística na rúa Menorca converteu este espazo nun atractivo turístico, empregando materiais duradeiros que garanten boa visibilidade das palabras xunto co ano correspondente.

Ademais, a RAG e a Fundación Barrié promoven proxectos como o Ximnasio Léxico, unha aplicación dispoñible para Android e iOS, que complementa os contidos do Portal das Palabras con xogos e outras propostas que conectan o idioma coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno.

Desde 2014, as palabras elixidas polos usuarios foron corrupción (2014), refuxiado, -a (2015), irmandade (2016), afouteza (2017), deseucaliptización (2018), sentidiño (2019), nós (2020), tanxugueiras (2021), comadre (2022), cibercarracho (2023) e cantareira (2024).

⚙ Configurar cookies
0.072299003601074