A realidade detrás da festa da Carballeira: 4.860 quilos de residuos recollidos

O operativo especial de limpeza activado pola área de Transición Ecolóxica recolleu un total de 4.860 quilos de residuos na Carballeira de Fingoi tras a celebración estudantil.
A actuación, desenvolvida polo equipo de LuceLugo, comezou a primeira hora da mañá e permitiu restablecer a normalidade no espazo en apenas dúas horas e media, quedando completamente limpo antes das 9:30 horas.
Este tempo de resposta, inferior ao de edicións anteriores, minimizou o impacto sobre o entorno e garantiu o uso habitual deste espazo verde desde primeira hora do día, sen afección para o vecindario nin para a actividade diaria da zona.
En comparación coa edición anterior, na que se recolleron 5.020 quilos de residuos, o volume total descendeu ata os 4.860 quilos. Por fraccións, rexístrase un incremento da fracción resto e dos envases lixeiros, mentres que descenden notablemente os residuos procedentes da limpeza viaria, que pasan de 1.480 a 300 quilos. Esta evolución responde a unha maior concentración da celebración no entorno da Carballeira, reducindo a dispersión de residuos nas rúas adxacentes e a afección ao conxunto do entorno urbano.
O operativo contou cunha vintena de operarios e un amplo despregamento de medios materiais, incluíndo dúas cisternas de baldeo mixto, dúas barredoras, unha fregadora, equipos de limpeza a vapor, camións recolectores, vehículos auxiliares tipo Goupil e maquinaria de apoio como sopladores.
Ademais do dispositivo posterior ao evento, o Concello levou a cabo medidas preventivas nos días previos: retirada de papeleiras, limpeza do entorno e instalación de dez contedores de gran capacidade en puntos estratéxicos para favorecer a correcta deposición selectiva dos residuos.
Unha vez finalizado o evento, os traballos incluíron a limpeza integral da Carballeira e do seu contorno inmediato, con baldeo mixto en rúas próximas como Campos Novos, Estrada da Granxa, Magoi, Fingoi ou Grupo da Paz. Realizáronse tamén actuacións específicas en beirarrúas e portais mediante fregado e vapor, así como labores de varrido manual e mecánico nas zonas de maior concentración de persoas, garantindo unha intervención completa e exhaustiva.
“Somos conscientes de que esta celebración forma parte do calendario estudantil lucense, pero tamén debemos insistir na responsabilidade compartida. A convivencia entre lecer e respecto é posible se todas as partes colaboran”, conclúe Miguel Fernández, o alcalde de Lugo.