A recente peonalización da Praza do Ferrol xa experimenta problemas
A recente peonalización da Praza do Ferrol xa experimenta problemas pola fraxilidade dos pavimentos colocados, polo que operarios están mellorando, de novo, o chan polo que transitan os cidadáns lucenses polo casco histórico amurallado.
O Goberno de Lara Méndez anunciaba en abril do ano 2023 que se utilizarían fondos europeos para as obras de peonalización do casco histórico nun 90 %, correspondéndolle 10,6 millóns de euros, que serían utilizados para peonalizar a Praza do Ferrol, a de Montevideo e Santo Domingo. A primeira, estaba programada para estar peonalizada a finais de 2023, pero as obras alongáronse ata metade do 2024. Con todo, a pesar de estar rematadas hai menos de seis meses, xa teñen desperfectos. Estes, son asumidos pola empresa, Grupo Vilariño, xa que as obras teñen unha garantía de 5 anos desde que finalizan e son entregadas ao Concello.
Pola súa parte, a praza de Montevideo e a de Santo Domingo estaban previstas rematarse a finais deste ano, pero recentemente se anunciou que se prorrogan ata a primavera do 2025. Ademais, o Concello anunciou un acordo cunha das empresas adxudicatarias para modificar o proxecto para o tramo entre a porta de Bispo Odoario e a Praza de Ferrol, o que incrementa o orzamento para este proxecto ata os 358.002 euros.
Mentres non se rematan as obras de peonalización e se arranxan os desperfectos das xa “rematadas”, os veciños e veciñas de Lugo van ter que seguir sorteando obstáculos, enfrontándose a lousas en mal estado que, en ocasións, poñen en risco a súa saúde, e camiñando por rúas iluminadas con luces de Nadal, pero con feísmos, xa que as obras non pararán durante o Nadal.
Pola súa parte, a parte nacionalista do Goberno local xa tomou algunha medida para restrinxir o paso de vehículos lixeiros, o paso de veciños e o reparto de mercancías por zonas peonalizadas, neste caso pola rúa Bolaño Rivadeneira.