A Rede de Custodia do Territorio organiza unha xornada de voluntariado ambiental nunha gandaría de Friol

A Rede de Custodia do Territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño celebrará o vindeiro sábado 25 de outubro unha xornada de voluntariado ambiental na gandaría Casa Bértolo, situada no municipio de Friol. A actividade desenvolverase entre as 11.00 e as 14.00 horas e combinará unha visita á explotación gandeira cunha acción práctica para favorecer a biodiversidade agraria.
Durante a xornada, as persoas participantes poderán coñecer de preto o traballo que se realiza en Casa Bértolo e colaborar na restauración dunha charca asociada á biodiversidade agraria. A iniciativa busca contribuír á conservación dos espazos naturais vinculados á actividade agrícola e gandeira, así como dar a coñecer a importancia da custodia agraria.
A actividade rematará cunha degustación de produtos locais da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un espazo para compartir experiencias e reflexionar sobre a conservación do territorio e o valor das prácticas agrarias respectuosas coa biodiversidade.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través deste formulario.
A xornada está organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio e conta co financiamento da Deputación Provincial de Lugo.