A Rede Museística abre a inscrición para as XXIII Xornadas Pedagóxicas

A Rede Museística Provincial de Lugo vén de abrir a inscrición para participar nas XXIII Xornadas Pedagóxicas, unha iniciativa consolidada que reforza os vínculos entre a comunidade educativa e os museos.
A programación desenvolverase os días 7, 14, 15 e 23 de maio, en dúas das sedes museísticas da rede: o Pazo de Tor e o Museo Fortaleza San Paio de Narla.
A deputada de Cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, presentaron esta nova edición, que leva por título “Museos situados. Educación e territorio”, destacando que “trátase dunha proposta que leva vinte e tres anos construíndo un mapa común de aprendizaxe e coñecemento, visibilizando os recursos que os museos ofrecen ao ensino en distintos contextos educativos”.
O encontro contará coa participación de arredor de trinta profesionais da educación e do ámbito museístico, así como representantes de entidades sociais como Cogami, para compartir proxectos e reflexións sobre o papel dos museos como motores de dinamización territorial, espazos de educación patrimonial, plataformas dixitais de salvagarda cultural e lugares onde introducir miradas feministas na práctica educativa.
Entre os centros convidados están institucións de referencia como o Museo del Prado, o Museo Massó, o Centro de Arte Fundación María José Jove, ou o Museu d’Història de la Immigració de Catalunya (MhiC).
O programa abrangue catro xornadas temáticas, combinando mesas compartidas, conversas, debates, visitas guiadas e actividades culturais como a cata teatralizada de viño da Ribeira Sacra, guiada pola enóloga Cristina Murga e coa participación de artistas como Eva Veiga, Carlota Pérez, Davide Salvado e Adriana Paulos.
Actividades destacadas
- 7 de maio, San Paio de Narla: “Memoria común, patrimonio e territorio”, con proxectos educativos do CEIP San Miguel de Reinante ou o IES San Rosendo, e a intervención da Asociación REBINXE.
- 14 de maio, Pazo de Tor: “Universidade na acción educativa”, con aportacións de Alicia López Pardo e o grupo XuvenCiencia da USC.
- 15 de maio, San Paio de Narla: “Educación e xénero”, con intervencións de Carme Adán, Belén Castro ou representantes do Museo Massó e da cooperativa AtaliAS.
- 23 de maio, Pazo de Tor: “Do museo ao territorio”, con participación do Museo del Prado, o Museo Provincial do Mar e o MhiC, entre outros.
As xornadas contan con 20 prazas para profesorado, xestionadas a través do CFR, e outras 20 para alumnado universitario e persoal de museos, que poderán inscribirse enviando un correo a comunidadermpl@gmail.com.
Para máis información, a Rede Museística anima a consultar o programa completo dispoñible nas súas canles oficiais.