A Rede Museística de Lugo promove unha ruta no marco de ‘Cartografía da Acollida’

A Rede Museística de Lugo organiza este xoves 18 de decembro unha ruta participativa dentro do proxecto ‘Cartografía da Acollida’, unha iniciativa que naceu o pasado mes de setembro no Museo Provincial a través dun obradoiro aberto a toda a comunidade, con especial atención ás persoas migrantes. Aquel encontro serviu para reflexionar colectivamente sobre a construción da vida cotiá, as relacións que se tecen no territorio e as redes humanas que fan posible unha cidade máis acolledora.
Daquel proceso xurdiu un mapa colectivo que puxo de manifesto que Lugo está chea de espazos que acollen grazas ás persoas que os habitan e dinamizan, persoas que coa súa maneira de estar e de facer contribúen a facilitar a vida doutras e a fortalecer o tecido comunitario.
A ruta prevista para este xoves permitirá percorrer algúns deses lugares sinalados no mapa e render recoñecemento ás persoas que os converteron en referentes de acollida. O percorrido estará guiado polas propias persoas que participaron nas últimas semanas na elaboración desta primeira Cartografía da Acollida da cidade.
A actividade é aberta a toda a cidadanía e non require inscrición previa. As persoas interesadas deberán achegarse ás 16:15 horas á Casa María Mariño, punto de saída da andaina. O itinerario inclúe un total de cinco paradas e rematará no Museo Provincial, cunha hora estimada de finalización arredor das 18:30 horas.