A Rede Museística Provincial de Lugo impulsa o obradoiro “Fíos de paz” polo Día Internacional da Paz

A Rede Museística Provincial de Lugo organiza o día 29 unha nova actividade do programa Cultura que coida e dá luz —museoloxía social, saúde, cultura de paz e bo vivir—, coordinado por Encarna Lago. Trátase do obradoiro “Fíos de paz”, unha proposta que se enmarca na conmemoración do Día Internacional da Paz, que se celebrará ás 17:00 horas na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo.
A iniciativa desenvolverase coas persoas maiores do Club Senior da Rede Museística Provincial de Lugo, un espazo de participación estable no que, a través dos catro museos da rede, toman parte de maneira continuada preto de 278 mulleres. Dende a Rede Museística destacan que este programa acompaña procesos de bo vivir, coidado e creación de comunidade a través da cultura.
O obradoiro estará coordinado por Ángeles Miguélez e propón un xesto colectivo e pausado fronte ao ruído do mundo actual, baseado no traballo manual e na experiencia compartida. A actividade xirará arredor do traballo téxtil, como coser, unir teas ou anoar fíos, para crear unha peza colectiva que simbolice a paz, a unidade e a convivencia.
A través deste proceso creativo, poñerase en valor a memoria, a paciencia e a sabedoría das persoas maiores, reforzando o papel dos museos como espazos de encontro, coidado e reflexión social.