A Rede Museística Provincial de Lugo pecha 2025 cun récord de visitas e consolida o seu modelo de museos abertos e sociais

A Rede Museística Provincial de Lugo pechou o ano 2025 cun balance claramente positivo tras rexistrar un total de 75.278 visitas, unha cifra que supera os datos do ano anterior e confirma un crecemento sostido na participación e na diversidade de públicos. Este incremento reflicte a consolidación dun modelo de museos abertos, de proximidade e cun marcado carácter social, cada vez máis integrado no territorio e na vida comunitaria.
Ao longo do ano, os museos da rede recibiron visitantes de todas as idades e procedencias, con presenza de público chegado de toda Galicia, do conxunto do Estado e de máis de corenta países. En total, 9.188 persoas procedentes do estranxeiro achegáronse aos museos da Rede Museística Provincial de Lugo, con visitantes chegados de máis de cen países, o que sitúa estes espazos culturais como referentes tamén no ámbito internacional.
Estes datos confirman o papel dos museos provinciais como espazos vivos e habitados, conectados coa comunidade e coa realidade social, nos que as cifras non se interpretan só como estatísticas, senón como dereitos culturais exercidos, encontros colectivos, aprendizaxes compartidas e futuro construído de maneira común.
Dentro deste balance, destaca especialmente o papel do Museo Provincial de Lugo como recurso educativo e espazo de aprendizaxe colectiva. Durante 2025, este museo rexistrou 21.207 visitas en grupo, o que representa máis do 40 por cento do total de visitantes, que acadou as 50.471 persoas. Detrás desta cifra atópanse grupos educativos, asociacións culturais, colectivos sociais e entidades do ámbito veciñal e comunitario que conciben a visita ao museo como unha experiencia compartida baseada no diálogo e na construción conxunta do coñecemento.
Este volume de visitas reforza o Museo Provincial de Lugo como un espazo de mediación cultural, encontro interxeracional e ferramenta clave para o exercicio efectivo dos dereitos culturais, cunha acción educativa que entende o patrimonio non como un contido pechado, senón como un proceso vivo activado a través da palabra, do grupo e da experiencia colectiva.