A rehabilitación da antiga Fábrica da Luz entra na súa fase final e estará rematada na primavera

LugoXa
O histórico edificio á beira do Miño transformarase nun centro enogastronómico divulgativo dentro da estratexia de sostibilidade turística de Lugo
obras-Fábrica-da-Luz-Lugo
10 Feb 2026

As obras de rehabilitación da antiga Fábrica da Luz avanzan cara á súa fase de máximo desenvolvemento e encamíñanse á súa finalización esta primavera. A actuación permitirá transformar este emblemático edificio situado á beira do río Miño nun centro enogastronómico divulgativo, concibido como un espazo destinado á promoción dos produtos locais, á celebración de eventos, a actividades formativas e a accións vinculadas á cultura gastronómica e vitivinícola.

O proxecto enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino e responde a unha estratexia que integra patrimonio, natureza e dinamización económica. Os traballos céntranse na recuperación integral do inmoble, respectando a súa estrutura orixinal e os elementos arquitectónicos de maior valor histórico, ao tempo que se melloran a súa eficiencia enerxética e a súa funcionalidade para adaptalo aos novos usos.

Actualmente estanse a executar tarefas de restauración das fachadas, renovación das carpinterías con solucións de altas prestacións que manteñen a estética histórica, mellora da estanqueidade fronte ás posibles enchentes do Miño e a actualización completa das instalacións interiores. Ademais, o proxecto contempla a creación de espazos diáfanos e versátiles que permitirán acoller eventos, degustacións e actividades divulgativas.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que a intervención “avanza razoablemente segundo os prazos previstos, a pesar das inclemencias climatolóxicas”, e subliñou que se está a consolidar como unha das actuacións estratéxicas para reforzar o modelo turístico e económico da cidade. O rexedor lembrou que a rehabilitación da Fábrica da Luz supón “recuperar un dos espazos máis emblemáticos do patrimonio industrial para poñelo ao servizo da cidadanía e do desenvolvemento de Lugo”.

Fernández sinalou tamén que esta infraestrutura se converterá nun motor de impulso para sectores clave como a hostalaría, o comercio e o turismo, xerando novas oportunidades arredor dun ámbito fundamental para a cidade como é a súa identidade gastronómica. Nesa liña, puxo en valor que Lugo continúa avanzando nun modelo baseado na calidade, na diferenciación e na posta en valor do talento e dos produtos propios.

Pola súa banda, o concelleiro Repetto destacou a importancia de coordinar esta actuación co entorno natural no que se integra, reforzando o vínculo da cidade co río e creando un novo punto de atracción cultural e turística nunha zona de especial valor ambiental e paisaxístico. O edil lembrou que se trata dun proxecto no que o Goberno local traballa da man do sector hostaleiro e dos produtores locais, co obxectivo de sumar esforzos para poñer en valor todo o potencial turístico de Lugo.

CRÍTICAS DA XUNTA

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, puxo hoxe en valor a “contribución esencial” do Goberno galego á recuperación do edificio da Fábrica da Luz, en Lugo, e lamentou que ese apoio sexa “completamente ignorado” polos representantes do Concello “nas sucesivas visitas e informacións que difunden” sobre o proxecto.

Neste senso, lembrou que a Administración autonómica destina 2 millóns de euros ao Plan de Sostibilidade Turística de Lugo, que engloba unha serie de accións para potenciar o municipio como un referente no turismo gastronómico e cultural e, entre elas, unha das principais é precisamente a rehabilitación da antiga Fábrica da Luz, na ribeira do Miño, para transformala nun centro de enogastronomía.

Arias explicou que “o compromiso da Xunta con este plan foi firme desde o primeiro momento, cunha achega decisiva sen a que non sería posible a súa posta en marcha nin o seu desenvolvemento”, ao tempo que incidiu en que “esta colaboración institucional debería basearse no recoñecemento mutuo e na transparencia”.

Lembrou que proxectos como o da Fábrica da Luz están xestionados de xeito directo polas entidades e concellos beneficiarios dos distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino pero “contan ademais co seguimento e asesoramento constante” por parte de persoal técnico da Xunta, a través de reunións periódicas para supervisar os seus avances.

O delegado territorial amosou, en todo caso, a satisfacción polo progreso das obras no inmoble, que se prevén rematar na próxima primavera, e que “permitirán recuperar un espazo emblemático de Lugo para o uso da cidadanía, apostando ademais pola enogastronomía como elemento diferenciador da oferta turística de Lugo e como motor dinamizador da economía local”. Arias instou ao Concello a actuar “desde a lealdade institucional e o respecto entre administracións, especialmente cando falamos de proxectos estratéxicos coma este, que contan cun investimento público tan importante”.

⚙ Configurar cookies
0.08116602897644